Federico Pérez nace na Alemaña en 1976 aínda que crece en Mazaricos. Estuda Filoloxía galega en Santiago de Compostela e, ao remata-los estudos, entra no sector audiovisual traballando como asesor lingüístico na serie Mareas Vivas. Federico Pérez vai facendo carreira non só como asesor lingüístico senón tamén como guionista e intérprete. Traballa como actor no programa de sketchs Air Galicia, na serie Padre Casares … aínda que o papel que máis o populariza é Moncho en ‘Era Visto!‘.
Federico Pérez conta cun Premio Mestre Mateo pola súa interpretación no filme ‘Trote’ e ten traballado tanto para a televisión como para o cine e o teatro. De feito, o 19 de abril estreará ‘+Cuñados‘, a secuela dunha das comedias galegas de maior éxito.
Quedamos con el na Facultade onde estudou, en Filoloxía Galega da USC. Falamos da súa traxectoria profesional, da lingua, da ficción e tamén da realidade que hoxe se vive no audiovisual galego.