Falece o escritor Darío Xohan Cabana

Darío Xohán Cabana, escritor e membro da Real Academia Galega, acaba de falecer á idade de 69 anos. Nado en Roás, na Terra Chá, é autor de dunha extensa obra pola que foi moitas veces galardoado.

Dos seus libros de poesía destacan, Roman­ceiro da Terra Cha (1973), VIII frag­mentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta de cerca a morte (1994) e Cabalgada na brétema (2006). Da súa obra narrativa salientamos, Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990), Vidas senlleiras (1992), O cervo na torre (1994), Morte de rei (1996), e Mitos e memorias (2003).

É autor de varias antoloxías de poesía galega, e de algúns estudos históricos como Modios e moios: nota sobre metroloxía galega medieval, A chegada a Lugo do primeiro tren e Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo. Publicou tamén traducións do Cancioneiro de Petrarca, de A Divina Comedia e a Vida nova de Dante, e de Os Tres Mosque­teiros de Alexandre Dumas.  Compilou tamén e traduciu unha Antoloxía do Dolce Stil Novo e outra d’Os trobadores de Occitania.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega emitiu un comunicado no que manifesta o seu máis profundo pesar polo falecemento dun dos seus membros máis destacados. Na súa web pódese ver a entrevista que se emitiu en Nós Televisión o pasado 26 de setembro de 2019.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego