FalAI, un proxecto para que a intelixencia artificial entenda e fale ben o galego

A intelixencia artificial entenderá e poderá falar en galego con calquera persoa. Ese é o obxectivo que segue o informe que presentaron as investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic da UVigo, Carmen García Mateo e Laura Docío Fernández, no marco da súa participación no proxecto europeo ELE (European Language Equality). Ambas as dúas puxeron de manifesto que aínda queda moito por facer para que as tecnoloxías da fala en galego funcionen igual de ben que o fan noutras linguas nas que si se dispoñen de moitos recursos, como por exemplo o inglés.

É neste contexto no que nace falAI, un proxecto desenvolvido por atlanTTic e a empresa Balidea, que ten o obxectivo de recoller voces en galego que permitan xerar ferramentas de interacción co mundo dixital en galego. Co cancelo #A30frases, o centro de investigación e a empresa procuran a participación do maior número de persoas posible, que de xeito anónimo, graven a súa voz lendo 30 frases, indicadas a través da plataforma falai.balidea.com, coas que se compoñerá un corpus lingüístico que permita adestrar un asistente conversacional por voz.

6.000 participantes
“Temos o obxectivo de acadar 6000 participantes, cumprindo ademais os criterios de que 30 horas de gravación correspondan a persoas de máis de 50 anos; 10 horas correspondan a cada provincia e cun equilibrio de xénero de 40-60% ”, explicou Laura Docío Fernández, investigadora principal de falAI na presentación do proxecto. Docío, xunto á catedrática do mesmo departamento, Carmen García Mateo, e ao tamén investigador e persoal do departamento de I+D+i de Balidea, Andrés Piñeiro Martín, conforman o equipo que está a desenvolver falAI. “O único requisito que deben cumprir as persoas que queiran participar no proxecto é que sexan maiores de idade. Canta maior diversidade de voces teñamos mellor”, sinala Docio, que sinala que as voces se recollerán de forma anónima, “non se recollen datos persoais sensibles que poidan identificar ás persoas participantes. Ademais, estas voces estarán dispoñibles con fins de investigación no ámbito das tecnoloxías da fala”, detalla a investigadora de atlanTTic.

Ademais de recadar voces que falen en galego, que permitirán xerar datasets neste idioma en dominios como a saúde ou os trámites administrativos, falAI tamén ten o obxectivo de facer un estudo que sirva de guía no deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas con baixos recursos, con dasets moi limitados en canto ao número de horas de gravacións dispoñibles e á cantidade doutros recursos lingüísticos. “Un punto importante tamén é o deseño destes conxuntos de datos (que frases gravar, o seu número, como medir e validar a calidade das gravacións de forma automática… ) para poder adestrar os algoritmos de aprendizaxe que usan os axentes conversacionais por voz e utilizalos en escenarios con poucos recursos, como poden ser linguas minoritarias como o croata, danés, checo, búlgaro. etc.”, explica Laura Docío.

As orixes do proxecto
O proxecto falaAI enmárcase dentro da colaboración que as investigadoras de atlanTTic, Laura Docío e Carmen García Mateo teñen en marcha coa empresa Balidea desde hai dous anos e que se formalizou coa concesión dunha axuda da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da tese de doutoramento de Andrés Piñeiro no campo dos axentes conversacionais por voz en galego, en particular en aplicacións onde a poboación obxectivo sexa xente maior.

O equipo de investigación, conformado por personal de Balidea e as investigadoras da UVigo, tamén acadou 22.500€ de financiamento nunha convocatoria aberta do proxecto europeo European Language Equality-ELE para a contribución na Strategic research, innovation and implementation agenda for achieving full digital language equality in Europe by 2030 (SRIA). Na convocatoria seleccionáronse nove proxectos e un deles foi o presentado por Balidea, e no que ía como parte do equipo de traballo a UVigo, titulado Building E2E spoken-language understanding systems for virtual assistants in low-resources scenarios. “O proxecto ten como un dos seus obxectivos a realización dun estudio sobre o deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas de baixos recursos lingüísticos. A experiencia gañada con falAI é fundamental para a realización deste estudo”, explica Docío.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego