Se cada presenza de Evaristo no escenario do Revenidas tornouse sempre nun acontecemento, a de hoxe venres xerou máis expectativas que nunca xa que na actual xira, bautizada como Gira sobre sí mismo, Evaristo, percorre todas as bandas das que formou parte nas súas máis de catro décadas de traxectoria e interpreta as cancións máis míticas do repertorio de La Polla Records, Gatillazo ou Tropa do Carallo.

Ademais de Evaristo, outro gran atractivo da segunda xornada do Revenidas é a única visita que van facer a Galicia os londinenses Bob Vylan, un dos dúos máis revolucionarios e incendiarios da actual escena musical británica, que só con batería e voz é capaz de combinar a enerxía crúa do punk rock coas rimas afiadas do hip-hop. A segunda presenza internacional do día no Revenidas será a de Ilan Amores, músico bonaerense (colaborador de Manu Chao) que desafía as etiquetas, fusionando cumbia, rock e punk con bases electrónicas.

Outro dos concertos especiais da segunda xornada do Revenidas será o de La Sra. Tomasa, a banda que hai máis dunha década revolucionou a escena da fusión da electrónica e os ritmos latinos, que ofrecerá en Vilaxoián o seu derradeiro concerto en Galicia antes da súa anunciada disolución.
A representación da música galega na xornada do venres céntrase, ademais de nas sesións da Duendeneta, na presenza de Dakidarría, todo un clásico do festival de Vilaxoán; de Arrhythmia, que retornan para presentar en directo a súa nova etapa e o seu novo disco; e Terrae, a proposta de dous produtores galegos que combinan ritmos electrónicos bailables con sonoridades tradicionais de todo o planeta.
Unha das grandes sorpresas das xornadas pode ser The Salsa Punk Orkestra, grupo que transforma clásicos do punk en vibrantes versións de salsa. E dende a Barcelona máis underground procede Matah, a que fora durante unha década vocalista de La Kinky Beat.
A apertura de portas será ás 17.20 horas. O servizo de pulseiración e de billeteira estará en funcionamento dende as 12 do mediodía no propio recinto.
A segunda xornada do novo escenario Ondas e Partículas arrincará ás 18.30 h coa charla O robot que quería ser pastor, a cargo de Lidia Sánchez, profesora e investigadora da Universidade de León, quen explicará como a robótica está transformando a agricultura e a gandería.
Unha hora despois, ás 19.30 h, a investigadora do CERN, Paula Desiré falará de como tecnoloxías nacidas da física, como a prontoterapia ou a radioterapia, forman hoxe parte da medicina. A charla titúlase: Cando a física cura: Aceleradores de partículas contra o cancro. E ás 20.30 h dará comezo a charla de Ricardo Moure, doutor en bioloxía molecular e divulgador científico, colaborador de programas como Órbita Laika, titulada Safari transmaribollo: Diversidade sexoafectiva na natureza, unha invitación a explorar unha natureza moito máis libre, diversa e fascinante do que nos contaron.
HORARIOS
17.20 A Duendeneta
17.40 Matah (Escenario Vibra Mahou)
18.40 Dakidarría (Escenario Galicia Calidade)
20.00 The Salsa Punk Orkestra (Escenario Vibra Mahou)
21.00 A Duendeneta
21.30 Evaristo (Escenario Galicia Calidade)
23.10 Ilan Amores (Escenario Vibra Mahou)
00.15 Bob Vylan (Escenario Galicia Calidade)
01.20 La Sra. Tomasa (Escenario Vibra Mahou)
02.25 Arrhythmia (Escenario Galicia Calidade)
Fin de Festa Terrae (Escenario Vibra Mahou)



