Eva Veiga Torre nada en Ombre (Pontedeume) o 22 de outubro de 1961, é unha escritora e xornalista galega que fixo parte, desde os seus inicios, da Televisión de Galicia onde dirixiu e presentou diversos programas culturais. Neste eido foi dúas veces Premio TP e Premio Galicia de Comunicación.
Tamén presentou e dirixiu para televisión a serie documental sobre a historia da arte galega Galicia no Tempo, programa que foi galardoado co Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia e co Premio de Honra da UNESCO.
Como actriz, foi a protagonista do longametraxe ‘A cicatriz branca’, de Margarita Ledo. Unha doenza apartouna do seu traballo en Televisión pasando a dedicarse á escrita de artigos en revistas e xornais. Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, formou parte do grupo poético-musical Ouriol.