O cinema NUMAX de Santiago de Compostela acolleu a estrea do documental ‘Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia‘, unha peza producida por Nós Televisión en colaboración con Editorial Galaxia, que percorre máis de sete décadas de historia editorial e cultural galega.
Na presentación do filme, falaron Xosé Soutullo, director da Editorial Galaxia e Ana Viqueira, co-directora do filme, en nome de Nós Televisión.
Filme documental
O filme está estruturado en catro bloques que abordan os momentos máis significativos da traxectoria de Galaxia: desde a resistencia cultural da posguerra e a renovación literaria das novas xeracións, até a profesionalización e os desafíos actuais como empresa cultural.
A través de animacións, ficcións narrativas e entrevistas a figuras relevantes da cultura galega. Participan nas entrevistas voces de figuras fundamentais como Antía Yáñez, Antón Vidal Andión, Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo, Malores Villanueva, Marcos Calveiro, María López Sández, Patricia Arias Chachero, Ramón Villares, Tamara Andrés, Uxía Senlle, Víctor F. Freixanes, Xavier Alcalá, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras e Xosé Manuel Soutullo.
O vindeiro 28 de xuño estará dispoñible en aberto para todo o público, na nosa canle de Youtube, ademais de na canle da Editorial Galaxia, e nas nosas plataformas en R e Movistar+.