More

    Estreas e novidades en Nós Televisión: descubre todo o que está por vir!

    Os meses de agosto e setembro chegan con forza a Nós Televisión. Os nosos contidos emitiranse tanto na nosa canle de televisión 119 de R como na nosa canle de YouTube xa que o obxectivo é ofrecervos un audiovisual galego de calidade dun xeito accesible e cómodo para todas as pantallas. Temos por diante máis dun mes de estreas de novos documentarios e programas, e ademais xa podedes consultar a nosa grella a través desta mesma páxina web.

    Estreas no mes de setembro!

    Eu son Balbino! 60 anos de Memorias dun neno labrego‘ é un dos títulos que chegarán neste mes de setembro a Nós Televisión. A reportaxe conmemora o 60 aniversario dunha obra que marcou un punto de inflexión na forma de concibir a literatura galega. A equipa de Nós Televisión viaxou non só ata Gres, en Vila de Cruces, senón tamén a través do tempo e das palabras escritas por Xosé Neiras Vilas na nosa identidade.

    Outra das novidades máis agardadas polas seguidoras e seguidores de Nós Televisión é o documentario sobre a vida de María Miramontes. Unha activista brillante, galeguista, modista profesional, a única muller que participou da entrega do Estatuto de Autonomía nas Cortes e unha persoa sobre a que permanecen as incógnitas. Apenas queda pegada material dela, por iso percorremos o país seguindo o seu camiño, falamos con familiares para dar conta da memoria que aínda permanece e escoitamos ás investigadoras.  O documentario transfórmase en toda unha aventura chea de preguntas, camiños e descubertas.

    No mes de setembro tamén arrancará un novo programa producido por Nós Televisión e realizado por Illa Bufarda. O ‘Vía Rosalía‘ chegará co obxectivo de afondar, actualizar e valorizara figura de Rosalía de Castro a través das voces máis relevantes da cultura galega. Polo de agora, aínda non podemos desvelar moito máis… haberá que agardar a setembro para obter máis novidades. 

    Estreas no mes de agosto!

    As novidades do mes de agosto chegan da man dos nosos mellores programas. A actualidade musical volverá da man de GZmúsica e tamén contaremos con estreas de ‘Galego de Todo o Mundo‘ a cargo de Eduardo Maragoto.

    E xa podes consultar a nosa grella!

    Se o queres é consultar a grella de Nós Televisión só tes que seguir esta ligazón. Aquí poderás atopar as seccións televisivas que compoñen a nosa emisión ininterrompida de contidos en galego e dende a perspectiva galega. ‘Nación de Mulleres’, ‘Dálle a lingua’ ou ‘GZ Documental’ son algunhas das seccións que completan a nosa programación. Temos todo ben preparado para que gocedes dun bo verán na compaña de Nós Televisión.

    Faite socia, faite socio

    As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego