Bravú XXX, un filme documental de Nós Televisión con Xurxo Souto, conmemorará o trinta aniversario do bravú este outono

BRAVÚ XXX é un filme documental realizado por Nós Televisión, no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. Esta road trip musical na que participan emblemas da música galega, como María Xosé Silvar ou Nuno Pico, terá a súa estrea en Chantada, o vindeiro venres, 25 de outubro, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal no que tamén haberá un coloquio con Xurxo Souto, líder dos Diplomáticos de Monte Alto, e Juan Camilo Gómez, máis coñecido como Richi, cofundador do festival Castañazo e integrante do grupo Os Rastreros, unha das bandas emblemáticas do bravú con base local en Chantada.

Chantada, berce bravú

Non é casual que Chantada sexa o concello de estrea do filme documental que conmemora os trinta anos do movemento bravú. Os Rastreros xunto cos Diplomáticos de Monte Alto compartiron cartel na primeira edición do Castañazo Rock e, a partir de aí, xurdiu a idea de cuntarse todos os grupos de rock en galego que comezaban a agromar polo país.

As bandas son convocadas vía epistolar por Richi dos Rastreros e reúnense o 31 de outubro de 1994 na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada. Alí crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú.

Por isto, este filme documental viaxa a través do país e do tempo para finalizar a súa viaxe na aldea de Viana en Chantada onde se produce un reencontro cheo de música, anécdotas, reflexións e afectividade.

Un movemento vivo: latexo bravú

Antes desa apoteose da volta á Viana, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical. Despois de ver en directo en Pontevedra a gravación que o grupo musical Rager (Proxecto Xeración Sónica) fai dunha versión do mítico tema bravú ‘Estou na lavadora’; Xurxo Souto viaxa ata a Coruña para atoparse con Paola Beiro das Garotas da Ribeira, conectada co repentismo e a cultura popular mais tamén coa Barcelona mestiza que personificou o músico Manu Chao.

No seu camiño, Xurxo Souto atoparase tamén con Nuno Pico, de Grande Amore; con Xosé Manuel Pereiro, aliás Johnny Rotring en Radio Océano, con quen senta na barra da Buserana. María Xosé Silvar, Sés, agarda nun estudo da Casa do Rock para explicarlle a Xurxo Souto como influíu nela a referencialidade do movemento bravú; para despois continuar a viaxe na Sala Ártika de Vigo cos Vacalouras, quen conservan do Bravú ese descaro e reivindicación da aldea e dos barrios.

Con esta cosmovisión pangalaica, Xurxo Souto emprende á parada final de BRAVÚ XXX con Rafa Martínez do Caimán do Río Tea, Benxamin Queiro dos Impresentables de Vimianzo, Antón Díaz dos Papaqueixos e Richi dos Rastreros.

Percorrido do documental por toda Galiza

Despois da estrea do 25 de outubro en Chantada, o documental poderá verse en proxeccions que terán lugar ao longo de novembro en diferentes puntos do país para celebrar o trinta aniversario do bravú, e antes da súa difusión en aberto no mes de decembro no youtube de Nós Televisión, na plataforma de Movistar Plus+ para todo o Estado español e no 119 de R.

O documental foi realizado co apoio institucional do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.

Ficha técnica

Ficha técnica: Filme documental. 50 minutos. Presentacións: Xurxo Souto. Produción executiva: Rosabel Candal, Diego Frey. Guión: Xurxo Souto, Ana Viqueira. Produción: Ana Viqueira, Rosabel Candal, Xurxo Souto. Dirección: Ana Viqueira, Diego Frey, Martín Rodríguez, Roi Barros. Realización e montaxe: Martín Rodríguez, Diego Frey. Fotografía: Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez, Pablo Kaufmann. Dron: Pio Cribeiro. Son directo e posprodución de audio: Eloy Táboas (TapeSons). Voz en off: Ana Lemos. Animación e creatividades: Roi Barros.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego