A UVigo botará este ano man de tres coñecidos ‘Galifluencers’ -Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez- para celebrar o Día da Ciencia en galego, unha festividade que cada 4 de novembro visibiliza e promove o uso da nosa lingua nos sectores científicos.
O catálogo de propostas para celebrar este Día da Ciencia en galego inaugurarase o vindeiro mércores no edificio Redeiras cun ciclo de charlas de “Galinfluencers” no que diferentes creadores de contido en galego, que realizan divulgación a través das redes sociais, achegarán a súa experiencia a calquera persoa que queira achegarse ata as instalacións da UVigo na cidade.
Estrea con Prado Rúa
Os encontros arrancan o mércores ás 19.00 horas coa visita da ourensá María Rodríguez Rúa, Prado Rúa, creadora de contido dixital en galego, fundamentalmente divulgación cultural, e quen acumula milleiros de seguidores nos seus perfís de Instagram e TikTok. Convertida nunha das “influencers” do momento, falará na charla sobre o seu traballo e por que se decidiu facelo en galego.
Iago Gordillo
A seguinte cita será o mércores 13 de novembro coa visita de Iago Gordillo, creador do proxecto audiovisual Recuncho Gamer, canle de YouTube de divulgación de videoxogos en galego que recibiu xa numerosos premios, entre eles Youtubeiras 2023. Neste nova conversa Gordillo explicará como nesta canle non só se fala de videoxogos, senón que se pon o foco en distintos ámbitos culturais, nos simbolismos de determinados elementos e mesmo na música.
Esther Estévez
O ciclo pecharase o mércores 27 de novembro cun relatorio a cargo de Esther Estévez. Xornalista de profesión, Estévez deu o salto á fama co programa Dígocho Eu, un proxecto divulgativo en redes da CRTVG para achegar o galego á poboación dunha forma entretida e dinámica e, grazas ao cal, Estévez recibiu un dos premios máis relevantes do audiovisual galego, o Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, galardón que recolleu en dúas ocasións (2022 e 2023), converténdose na persoa máis nova en recibir este galardón.
No forno un Minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego
Máis actividades
Ademais deste ciclo, dende a UCC+i están a coordinar a elaboración dun Minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego, realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística e co que se busca o triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma propio no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo en galego e apoiar o traballo científico nesta lingua. Nesta primeira edición, abordará termos de tres áreas temáticas: o ámbito xurídico, o medio ambiente e a micoloxía, para o que se contou coa colaboración dos investigadores Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro.
Actividades en colexios e institutos
As actividades conmemorativas do Día da Ciencia en Galego pecharanse coa presentación de proxectos de investigación realizados por persoal da UVigo nos que se pon en valor o emprego da lingua e a cultura galega en diferentes centros educativos da contorna.
O primeiro proxecto que se levará aos centros é a exposición Arqueoloxía Dixital galega, creada por Óscar Penín, investigador do GEAAT , o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia. A exposición métese de cheo no traballo, aínda pouco coñecido, da arqueoloxía contemporánea e nas súas cada vez máis fondas conexións cos mundos virtuais. A través de textos áxiles e didácticos, ofrece unha visión sobre arqueoloxía da web, a arqueoloxía dos videoxogos e os seus formatos físicos, así como do arqueogaming e os seus impactos sociais, trazando un retrato que parte dunha perspectiva global e acaba pondo o foco sobre o estado da cuestión en Galicia.