Estas son as novidades para o San Froilán 2022

Este martes arranca o San Froilán dando pasao a mái dunha semana de troula cunhas 200 actividades, a maioría musicais. A principal novidade das festas, que concluirán o 12 de outubro, será a recuperación das casetas do polbo logo dos anos da pandemia. Tamén se recuperará a presencialidade das barracas que se instalarán en toda a Avenida Rodríguez Mourelo e estenderanse polas costas do parque Rosalía de Castro.

A concelleira de Turismo, Maite Ferreiro, destacou o dinamismo das festas que, como é habitual, contará cunha programación de cultura tradicional galega. En concreto, contará co Festival de Música Tradicional, a Verbena Galega D’antes, a Mostra Tradicional Galega do Domingo das Mozas e o programa “Cultura Tradicional no Camiño, entre outras.

“As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “contaremos con máis de 50 grupos de Lugo e concertos de primeiro nivel”. Na edición deste ano haberá un novo servizo de punto lila, onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo tamén anunciou os horarios especiais das distintas liñas de bus urbano que se aplicarán durante o San Froilán. Arroxo explicou que “as principais liñas que comunican o centro coas distintas zonas da cidade ampliarán o horario de servizo ata as 3 da mañá para permitir a toda a veciñanza que queira asistir ás festas poder volver á casa de maneira segura”.

Dentro das actuacións, cómpre destacar artistas como Dvicio, Ariel Rot, Kiko Veleno, Treixadura ou o Mago Antón. Ademais, por primeira vez contarase cun servizo de mochilas vibratorias para persoas con discapacidade auditiva nos concertos da praza Horta do Seminario. O pregón desde o balcón do concello, o martes ás 20,00 horas, correrá a cargo da comunicadora Esther Eirós.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego