A equipa de Nós Televisión tenvos preparado unha fin de semana ben especial para despedir este mes de maio. A partir do sábado ás 12 horas, poderedes gozar do documentario ‘Risco de giz. 7 días na Raia‘ elaborado por Xarda Cooperativa Galega para Nós Televisión.
Os vínculos lingüísticos, históricos, sociais e culturais dos lugares e persoas que viven a un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal son evidentes. Comprobámolo percorrendo en coche e gravando durante sete días toda a zona. A través da viaxe coñecemos os nexos entre as dúas realidades. O resultado: Un documental en forma de road trip que vai parando en numerosas localidades, de oriente a occidente, para falar con diferentes persoas de cada unha delas e poñer en valor os costumes e a riqueza patrimonial e cultural propia desta área.
O mesmo sábado a partir das 21 horas, emitiremos no 119 de R e na nosa canle de youtube unha nova entrega do ‘Saúde e Terra. Voces da cultura galega!’ co Leo de Matamá como convidado. A conversa que o creador punk mantivo con Xosé A. Bocixa está chea de honestidade e reflexións que cómpren ter presentes.
O domingo ás 21 horas na nosa canle de televisión, no 119 de R, emitiremos un especial Espazo Aberto cheo da enerxía da nosa música tradicional cunha entrevista ao grupo Ailá, ademais de que viaxaremos coa equipa de GzMúsica para saber máis dos grupos Nuada e As Efémeras. Ademais, tamén faremos un oco para afondar na última obra de Arantza Portabales, ‘A vida secreta de Úrsula Bas’. A fin de semana queda con Nós Televisión!