Unha semana máis, Nós Televisión ten preparada unha fin de semana de estreas culturais. Comezamos este venres á noite no que a partir as 21 horas haberá un especial sobre a música galega e en galego da man da equipa de GzMúsica.
O sábado, a partir das 12 horas, estrearemos a nosa especial reportaxe de #NósaFondo na nosa canle de YouTube. Viaxamos ata Lugo para afondar na memoria histórica, a recuperación de espazos e a actividade cultural.
O vello cárcere de Lugo, ubicado no centro da cidade, foi edificado durante o século XIX baixo as pautas do sistema panóptico ideado por Jeremy Bentham. Alí foron recluidos boa parte dos presos e presas políticas da provincia de Lugo e outras partes do Estado na época da guerra civil. Hoxe, sabemos un pouco máis do que supuxo este cárcere grazas ao concello de Lugo, que decidiu rehabilitar o edificio e abrilo de novo para o seu uso socio-cultural, e grazas tamén aos moitos investigadores e investigadoras que non cesan no seu empeño por devolver ás vítimas a dignidade e colocalas na memoria de todas nós que lles corresponde.
O sábado ás 21 horas, e tanto no 119 de R como na nosa canle de YouTube, poderedes ver unha nova entrega do programa Saúde e Terra conducido por Xosé Bocixa.
O domingo, a partir das 21 horas, a cultura e a lingua volverá ao 119 de R a través do noso semanal Espazo Aberto. Esta fin de semana, queda con Nós Televisión!