O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji, escritor palestino, como Escritor Galego Universal en 2026, como mostra de admiración e profundo respecto pola súa persoa e polo traballo desenvolto na defensa da literatura e a dignidade nacional de Palestina.
Nado en 1983, é Licenciado en Socioloxía, cun mestrado en Estudos Israelís pola Universidade Al-Quds (Abu Dis). A súa novela Unha máscara da cor do ceo foi galardoada co Premio Booker Internacional de Novela Árabe en 2024. Foi liberado no marco do último acordo de intercambio de prisioneiros.
Cunha ampla obra editada que podedes consultar na web da AELG, tamén conta con numerosos artigos publicados en sitios literarios electrónicos e en redes sociais. Ten tamén unha páxina secundaria no sitio web Al-Hiwar Al-Mutamaddin, que contén máis de corenta artigos políticos, literarios e en prosa, ademais dunha serie de artigos sobre a realidade do movemento de prisioneiros.
Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho, Joseba Sarrionandia e Shahd Wadi.
Escritor do mes de xaneiro
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega tamén nomeou a Estevo Creus como autor destacado deste mes de xaneiro.

Estevo Creus (Cee, 1971), foi membro fundador da editorial de poesía Letras de Cal, “non ou edicións”, do grupo de teatro Talía, e do Batallón literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicados os seguintes libros: Poemas da Cidade Oculta, Edicións Xerais de Galicia (1996), Areados, Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Deputación de A Coruña (1996), Teoría do Lugar, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón (1998), Edicións do Castro (1999), O Libro dos Cans, Versión en disquet de Retagarda Edicións (2000), Decrúa, premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, Edicións Espiral Mayor, (2003), Facer Merzbau non ou posible?, libro poético e de videocreación xunto a David Creus. A súa obra poética ven recollida en antoloxías como A tribu das Baleas, Edicións Xerais de Galicia, Defecto 2000 de Letras de Cal, Enfocarte revista virtual, etc. Participou na obra colectiva entre poetas e arquitectos a casa, da Consellería de Vivenda e Solo e ten realizado artigos e colaboracións en revistas como O Monografías, Grial (nº 77), Dorna, etc. Tamén ten publicados os relatos: “E a catro patas quilómetros”, Premios Pedrón de Ouro, Edicións do Castro (1994), “Alguen Matou a Bambi”, recollido en Historia da Pusilaminidade e catro contos máis, Casa da Xuventude de Ourense (1996).
Co grupo “non ou” participa en videocreacións e performances como “máquina ou proceso” xunto a Ariel Ninas, Benxamín Otero e David Creus, “2 homes sobre o muro”, intervención no CGAC para a presentación do disco do grupo “Eclepetica Ensemble”, etc. O seu gosto pola música, ultimamente lévao a compoñer temas para espectáculos de danza e teatro como “nin un milímetro para apoiar a fronte” de Begoña Cuquejo, “En Construcción” de Paulina Funes e Murmurios, “Cos Pes na Terra e só cos Pes” do grupo de teatro “D2” e coreografía de Begoña Cuquejo entre outros.
No ámbito das artes plásticas destaca o seu poemario experimental O libro dos cans (versión en disquete e papel) onde se mistura a poesía coa pintura e a construcción de máquinas, así como a súa participación no proxecto de poesía visual Translítera.



