‘En galego aquí e agora’, o lema que presidirá as mobilizacións deste 17 de maio

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego presentaron este mércores en rolda de prensa o lema que presidirá as manifestacións que se celebrarán o 17 de maio nas principais vilas e cidades de Galiza. En galego, aquí e agora aproveita a proximidade das eleccións municipais para reclamar o papel normalizador dos concellos fronte ao desleixo do resto de poderes públicos, “porque a situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas”, afirmou o voceiro da plataforma Marcos Maceira.

Queremos Galego advirte da situación de emerxencia lingüística cando se fan 40 da aprobación da Lei de Normalización Lingüística. A plataforma denuncia “impedimentos de todo tipo”: as e os docentes denuncian que non poden impartir materias na nosa lingua, ben por impedimento legal ou por ausencia de materiais; a canle pública estatal non emite nin un só segundo de programación infantil ou xuvenil en galego; a administración dixital obriga, no mellor dos casos, a cidadanía a repetir constantemente que escolle a súa lingua; na xustiza e na saúde campa o ananlfabetismo en galego e á Xunta e ao goberno español nin lles importa que en reiteradas ocasión o Consello de Europa sinalase o mínimo que teñen que facer para garantir o dereito ao uso do galego.

Neste contexto, é lóxico que o galego perda falantes mais tamén resulta incríbel e esperanzador que aínda así aumenten as persoas que insisten en vivir en galego e en transmitilo. “É esta conciencia reparadora a que está a garantir a existencia da nosa lingua”, afirma o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira. “Os poderes públicos só cumpren as súas obrigas respecto á lingua cando a sociedade llo reclama”, sentencia Maceira.

Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego chama a atención sobre o feito de que, por primeira vez en décadas, haxa partidos políticos que están a desenvolver a precampaña con cartelaría e anuncios en español. Por iso, dende a plataforma piden que a cidadanía teña en conta a capacidade ampla que teñen os concellos e deputacións para garantir a presenza e dispoñibilidade da lingua galega en todas as actividades que dependen deles, tanto para que a Xunta e o Goberno español cumpran minimamente, como para que as empresas se sumen ao uso do galego.

A plataforma de defensa da nosa lingua Queremos Galego sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza o 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora. Toda a información sobre as concentracións estará dispoñíbel na páxina web da plataforma: queremosgalego.gal

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego