‘Emoción, Vida e Teatro. A nave das Marías’ e ‘Matria’ abren a V Semana do Cinema Galego

A V Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, botou a andar no Teatro Colón da Coruña. A cita exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano, un total de oito filmes -os seleccionados como finalistas nas categorías de longametraxe e documental nos XXII Premios Mestre Mateo– que se proxectarán no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes cinco días, en sesións gratuítas.

Como novidade, o público asistente a esta V edición poderá entrar nun sorteo para asistir ás estreas de cinema galego de todo o ano 2024.

O cinema galego volve a encher o Teatro Colón

A actividade da V Semana do Cinema Galego botou a andar nesta sesión inaugural con Emoción, Vida e Teatro. A nave das Marías, un documental dirixido por Saamira Ganay e Cris Andina. A Nave das Marías foi unha peza teatral creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur para facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes impulsando procesos de sensibilización social en cuestión de xénero. Este documental, que a pasada semana recibíu o 5° Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social.

Logo da benvida por parte da dirección da Academia Galega do Audiovisual, as directoras do documental que abríu o ciclo, Saamira Ganay e Cristina Andina, falaron da experiencia que impulsou esta longametraxe: a realización cun grupo de mulleres migrantes da peza teatral A nave das Marías. Un traballo que pon de manifesto a súa convicción primeira de que “o teatro pode cambiar vidas”.

A continuación, tivo lugar a segunda sesión do día, ás 21:30h, coa proxección de Matria, longametraxe dirixida por Álvaro Gago e que foi un dos grandes fitos do noso audiovisual o pasado ano, valéndolle á súa intérprete protagonista María Vázquez a Biznaga de Prata a Mellor Actriz Protagonista no Festival de Málaga.

O público ateigou a sala nesta primeira xornada da Semana do Cinema Galego augurando un novo éxito de convocatoria desta iniciativa xa consolidada na cidade, con edicións memorables en canto a concorrencia.

O programa esténdese ata o domingo

Mércores 20 de marzo

19:30 h | A viaxe de Lucy.

21:30 h | O Corno

Xoves 21 de marzo

19:30 h | ¡Salta!.

21:30 h | Fatum

Venres 22 de marzo

19:30 h | Chichi e máis eu

21:30 h | Os espazos en branco

Domingo 24 de marzo

12 h | Bandas sonoras do cinema galego
Concerto da Banda Municipal da Coruña

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego