Emoción, música en directo e a reivindicación da lingua: así foi a Gala aRi[t]mar

O Auditorio de Galicia foi unha vez máis o epicentro da irmandade cultural entre Galicia e Portugal. A undécima edición da Gala aRi[t]mar reuniu a un público entregado nunha xornada marcada pola emoción, a música en directo e a reivindicación dunha lingua común entre ambos pobos.

Na gala, conducida con dinamismo pola profesora de primaria Mariña Lema e o profesor universitario Jackson Renner, entregáronse os cinco recoñecementos desta edición a Uxía, Mar, Andrea Nunes Brións, Ana Gago e Xico de Carinho, figuras fundamentais da creación contemporánea.

As voces premiadas toman o escenario

A gala abriu coas intervencións de Gonzalo Constenla, presidente da Asociación aRi[t]mar e de Ana María Losada, directora da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, quen destacou o esforzo compartido que hai detrás do proxecto e “a oportunidade que supón achegarse a estas dúas linguas irmás, descubrindo novas voces, novas sensibilidades e novas maneiras de sentir e de interpretar o mundo”.

No eido musical, a cantante Uxía recolleu o premio da man de Valentín García, secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, á mellor canción en galego por “Será por flores”, unha celebración a corenta anos de música.

“O galego non é unha fronteira, é unha porta”, sinalou Uxía, quen se lembrou no seu discurso do legado de figuras imprescindibles da cultura galega como Begoña Caamaño, Narf, Méndez Ferrín ou Manuel Beiras. Pola súa banda, a artista portuguesa Mar interpretou varios dos seus temas animando o ambiente, sendo “Menina” o recoñecido nesta gala como a mellor canción en portugués.

“A poesía aínda medra sen pedir permiso”, foron as primeiras palabras de Andrea Nunes Brións ao recoller o galardón entregado pola alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ao mellor poema en galego “Un mar que soña” do seu libro Mapa da estría (Chan da Pólvora).

No caso da poesía portuguesa, a premiada foi a poeta Ana Gago, polo seu poema “Indigestão”, incluído en Apotropismos (Húmus), quen destacou que a “poesía é unha forma de curar a inxustiza e tender pontes”.

Once anos construíndo comunidade

Un dos momentos máis especiais chegou coa entrega do Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona, nesta ocasión ao músico Xico de Carinho, quen non dubidiu en tocar a harmónica antes incluso de pronunciar palabra. Sol Agra, deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, foi a responsable da entrega deste galardón.

A gala, promovida pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago e a Asociación aRi[t]mar Galiza e Portugal, puxo o broche de ouro ao percorrido anual dun certame que naceu nas aulas e que hoxe é un referente na dinamización lingüística e no intercambio cultural.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego