Elas Son Artistas regresa á contorna da Coruña para reivindicar ás mulleres artistas

A presentación da oitava edición de Elas Son no Teatro Colón volveu reunir a artistas, representantes de concellos, de entidades colaboradoras e patrocinadoras e a organización que celebraron un acto no que todas as partes implicadas expuxeron a importancia dun proxecto que dá a oportunidade de achegarse a coñecer de preto a artistas de longa traxectoria e outras que están a comezar a súa carreira en disciplinas moi diversas.

A nova convocatoria terá como lema: As pequenas comunidades e as artes como refuxio ante a barbarie.

Presentación do ciclo

Durante sete meses, de maio a novembro, o público poderá ver propostas creadas por mulleres artistas en sete concellos diferentes da área metropolitana da Coruña. Serán A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a impulsar proxectos culturais liderados por mulleres como Elas Son Artistas, que ademais de traer propostas moi interesantes tamén fan reflexionar á cidadanía”, indicou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro.

Máis de 20 actividades

Nesta oitava superaranse as 20 actividades sendo A Coruña o concello no que se celebrarán a meirande parte das actividades pola firme aposta do Goberno de Inés Rey por consolidar o ciclo na cidade.

O ciclo comeza o sábado 10 de maio coa actuación do dúo madrileño Las Nietas del Charli. Son irmás e están chamadas a ter un importante oco na escena de música de autoras e con raíces. A natureza e a comunidade son os eixes principais das súas letras. A actuación será ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cultural A Fábrica de Santa Cristina en Oleiros, cun prezo de catro euros.

As seguintes actuacións iranse distribuíndo dende o venres 6 de xuño coas coruñesas Leria en Arteixo no Auditorio exterior do Paseo Fluvial. En xullo viviremos un Obradoiro de creación de poesía con Lucía Aldao, na Casa Museo Casares Quiroga, de inscrición gratuíta. Será os días 15 e 16. Unha das actuacións máis agardadas é sempre a que se celebra na Praza de Azcárraga. Este ano será un concerto da murciana María Ruíz, en plena celebración dos seus primeiros dez anos de carreira, acompañada da pintura en directo de Mamen Bazarra. Será o mércores 16 de xullo.

O mércores 30 de xullo chega unha actuación moi especial, con data única en Galicia. Trátase do directo de Kate Clover e a súa banda. Cantante, compositora e guitarrista de California, coñecida como a nova Blondie dentro da escena rock norteamericana. Será na Sala Mardi Gras e as entradas están xa á venda. Xusto a continuación chegará unha exposición da coruñesa Julia Lago que se poderá ver todo o mes de agosto na Casa Museo María Pita.

De setembro a novembro, actividade intensa

Duas artistas brasileiras serán protagonistas no mes de setembro, xunto á segunda visita de Hannah Aldridge, dende Alabama. A primeira que actuará en Mardi Gras será Jacque Falcheti o xoves 11 de setembro. Esta artista brasileira xa ten gañado diversos premios e xirado por 16 países. O domingo 14 tamén en Mardi Gras, onde naceu o ciclo, será a actuación de Hannah Aldridge e a súa banda, toda unha celebración do rock e a música folk de norteamérica.

A penúltima actividade de setembro será o domingo 21 de setembro na Fundación Luís Seoane. A brasileira Anna Tréa regresa á Galicia tras actuar no Womex celebrado na Coruña, ofrecendo un gran showcase no que amosou a súa calidade como guitarrista e compositora.

A entrada será libre ata completar aforo. Nese mesmo evento teremos a proxección da curtametraxe documental Raices. Da utopía en diante dirixido por Illa Bufarda, unha cooperativa galega creada por tres mulleres e que recrea un proxecto realizado por mulleres do rural galego, en concreto dunha aldea de Ames. Haberá varias protagonistas dese proxecto par un coloquio.

O día 24 de setembro o ciclo visitará o Jazz Filloa cunha actuación musical que aínda non está confirmada. Ao comezar outubro, o venres 3, será a quenda do Garufa Club coa presentación do novo disco das asturianas Pauline en la Playa, coñecidas pola afección ao pop en España tras máis de 25 anos de carreira, dende que comezarán a súa andaina musical con Undershakers. As entradas xa están á venda.

En outubro o ciclo visitará o Instituto de Carral, onde se ofrece un Obradorio de ilustración e creacion de personaxes impartido pola coruñesa Irene Sanjuán e tamén unha actuación  musical para os 400 alumnas e alumnos do centro a cargo de Adhara & Rtiman. Tamén en outubro o ciclo chegará ás instalacións de Coca-Cola en Alfonso Molina para un coloquio entre tres mulleres con diversos papeis na industria musical galega: Ángela Vila, Candela Liste e María Nieto. Son, por esta orde: xestora cultural e representante de artistas, artista autoxestionada e responsable de comunicación de múltiples proxectos. A entrada será libre e o día está pendente de confirmación.

O mes de outubro finalizará cun dos pratos fortes do ciclo. Será o domingo 26 de outubro no Teatro Colón da Coruña. Unha actuación que aínda non se pode anunciar. As últimas actividades do ciclo chegarán en novembro, xa para pechar esta oitava edición, na que non se descarta algunha sorpresa máis.

O mes de novembro contará con tres propostas moi variadas. O venres 7 será o momento para o humor e a reflexión escénica de Raquel Crespo no seu concello, Culleredo. O Auditorio do Edificio de Usos Múltiples de O Burgo acollera o espectáculo Punto en boca da actriz galega, involucrada en múltiples proxectos. Con este logrou o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña en 2024. A costura e as súas posibilidades creativas son o punto de partida desta obra que veremos con entrada gratuíta.

O sábado 8 de novembro será a quenda de Leticia Rey coa presentación do seu primeiro traballo integramente en galego: Danza Luz. Será na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada.

Será unha actuación especial xa que contarase coa actuación da sadense Estefi Gómez, sumando a danza a esta presentación.

E pecharase esta oitava edición cunha artista que xa estivo no ciclo coa súa obra Anatomía dunha serea, sobre a violencia obstétrica e agora interpreta Vitória, coa que reflexa outra experiencia vivida por ela, Iria Pinheiro. Será no auditorio da Aula de Cultural Xulio Cuns, de Betanzos, o sábado 29 de novembro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego