“Cando se chega a un acordo para entrar nunha institución, hai que marcarse obxectivos que nos unan”, sostén o nacionalista Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo, no goberno de coalición cos socialistas. Castro fai fincapé no apoio dos concellos de menos de 20.000 habitantes que, no caso da provincia, representan á totalidade dos municipios agás a capital. O vicepresidente aféalle á Xunta que non asuma certas competencias, como por exemplo o sostemento da rede museística da provincia.
Efrén Castro explica ante as cámaras de Nós Televisión as principais accións políticas que desde o BNG agardan desenvolver durante os vindeiros anos. Falamos tamén do papel das institucións no impulso do deporte de base, facendo fincapé no feminino. “As nenas das nosas comarcas quizais sexan unhas privilexiadas comparado con outros territorios por ter referentes no deporte”, sostén o nacionalista que apunta equipas como Pescados Rubén Burela FS, o FSF Castro ou o Durán Maquinaria Ensino de Lugo en baloncesto. Tamén falamos con el de artesanía, cultura e memoria democrática.