O filme documental ‘Crear Porvir. 75 anos de Editorial Galaxia‘ estrearase mañá, xoves 19 de xuño, ás 20 horas en NUMAX, Compostela, nun evento que contará co equipo da Editorial Galaxia, produtora do filme, xunto con Nós Televisión, quen realizou a peza audiovisual.
75 anos de vida
O filme documental ‘Crear Porvir. 75 anos de Editorial Galaxia’ viaxa a través de máis de sete décadas da nosa historia para reflexionar e compartir a historia e os valores dunha das institucións culturais máis emblemáticas do noso país.
Fundada en 1950, nun contexto de posguerra e de represión, a Editorial Galaxia nace desde a vontade de dignificar a lingua galega e manter con vida o legado da nosa cultura. Desde ese esforzo de crear porvir, convertémonos en testemuñas de como Galaxia impulsa a cultura galega desde un concepto amplo e científico, promove a renovación e modernización da nosa literatura e profesionaliza a editorial mentres continúa abrindo camiños de innovación. Hoxe estamos ante unha empresa cultural que mantén a esencia fundacional de resistencia, cultura e identidade.
Catro blocos didácticos
O documental, con 50 minutos de duración, mostra a través de catro blocos esta evolución. ‘Resistencia. Galaxia na loita cultural’ abre o filme narrando a fundación de Galaxia tendo como persoas centrais a Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro xunto as dificultade e riscos que tiveron que afrontar nun momento duro de posguerra.
‘Construción. A mocidade na renovación literaria’ aborda a década dos anos 60 caracterizadas polos cambios e transformacións sociais. Un momento que souberon ler os fundadores de Galaxia que conectan con esa mocidade exemplificada en Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán e Camilo Gonsar, que escriben nesta editorial as súas primeiras novelas.
‘Profesionalización. Democracia e modernidade’ arranca coa chegada de Carlos Casares á dirección da Editorial Galaxia que ten que afrontar un proceso de modernización empresarial ao tempo que se suma á amplicación de mercado para os libros en galego logo da aprobación do Estatuto de Autonomía.
O último bloco, ‘Expansión. Desafíos na empresa cultural’, aborda a chegada dos anos 2000 baixo as direccións de Víctor Freixanes, seguido de Francisco Castro e, xa na actualidade, Xosé Manuel Soutullo. Trátanse de tempos marcados polos avances tecnolóxicos xunto a un modelo empresarial que deixa de centrarse exclusivamente no formato do libro para abordar a editorial como unha empresa cultural.
Ficcións e animacións
A narración deste filme constrúese a través de ficcións narrativas, animacións e máis dunha ducia de entrevistas a figuras emblemáticas da nosa cultura pertencentes a diferentes ámbitos e xeracións como representan Xosé Manuel Beiras, Tamara Andrés, Xesús Alonso Montero, Malores Villanueva, Henrique Monteagudo ou Uxía Senlle.
Desde este espírito divulgativo, o documental achega fondas reflexións sobre a importancia da estratexia cultural para un país e como Galaxia foi, e segue a ser, un faro para a cultura.
Máis dunha ducia de persoas entrevistadas
Neste filme participaron como persoas entrevistadas: Patricia Arias Chachero, secretaria da Fundación Otero Pedrayo; Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia; Tamara Andrés, directora de colección Dombate en Editorial Galaxia; Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; Antía Yáñez, escritora, premio Illa Nova 2018;
Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega e expresidente da RAG; Malores Villanueva, filóloga e editora literaria; Antón Vidal Andión, presidente de Editorial Galaxia; María López Sández Filóloga, ensaísta e membro do consello de redacción de Grial; Víctor F. Freixanes, exdirector de Galaxia e expresidente da RAG; Dolores Vilavedra, membro do consello de administración de Editorial Galaxia e catedrática de Literatura na USC literaria; Henrique Monteagudo, presidente da RAG e director da revista Grial; Uxía Senlle, música e axente cultural; Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea; Xavier Alcalá, membro do consello de administración de Editorial Galaxia e escritor; Xosé Manuel Beiras, economista, ensaísta e político.
Ficha técnica
Duración: 52 minutos. Produción executiva: Rosabel Candal, Diego Frey e Editorial Galaxia. Dirección: Ana Viqueira e Diego Frey. Realización: Diego Frey, Martín Rodríguez e Roi Barros. Axudande de realización: Manuel Expósito. Guión: Ana Viqueira e Diego Frey. Edición e Montaxe: Diego Frey e Martín Rodríguez. Produción: Ana Viqueira. Axudante de produción: Rosabel Candal. Deseño de grafismos e creatividades: Roi Barros. Documentación: Ana Viqueira. Axudantes de documentación: Roi Ribeira e Cristina de la Torre. Arquivo: Alba Gil, Rosabel Candal e Ana Viqueira. Locución de voz en off: Chelo Díaz.