Ecoloxistas en Acción presenta o documental ‘Alegría’ para conmemorar o 20 aniversario do afundimento do Prestige

A organización Ecoloxistas en Acción presenta o documental ‘Alegría’ para conmemorar o vixésimo aniversario do desastre ecolóxico provocado polo afundimento do petroleiro Prestige. O documental, producido pola organización ecoloxista e dirixido por Luís Otero, sinala as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega e lembra que ante a inacción do goberno foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao “chapapote”.

Vinte anos despois

Pasaron dúas décadas e, segundo destaca Ecoloxistas en Acción, os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte. Por iso, solicitan que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes.

Dende a organización ecoloxistas apuntan que o 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos o accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares o ano pasado.

Ecoloxistas en Acción coa produción deste documental quere lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Piden tamén romper co modelo dependente do petróleo cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos e lembrar a onda de solidariedade, a marea branca que foi quen de enfrontarse a gran mancha negra. Por iso, escolleron ‘Alegría’ como título deste documental xa que se trata do berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles.

Programa de actividades

O documental estrearase este venres no Ateneo A Maliciosa, estará dentro das actividades do Museo do Mar de Barcelona e nos próximos días proxectarase por toda a xeografía galega.

Venres 11. Madrid: Ateneo A Maliciosa
Sábado 12. Barcelona: Museo do Mar
Domingo 13. Vigo: Praza do Berbés
Martes 16. Ourense: Cineclube pai Feijoo
Venres 18. Compostela: Museo do Pobo
Sábado 19. Pontevedra: Teatro Principal
Domingo 20. Lugo: Museo do Mar
Martes 22. A Coruña: Círculo de Artesáns

Na cidade de Vigo terán lugar as actividades centrais de conmemoración do vixésimo aniversario da catástrofe. Ademais da estrea do documental e posterior coloquio o domingo 13 na praza do Berbés, o sábado 12 celebrarase un concerto no Pub Moch, na rúa Irmandiños en Vigo, amenizado polo dúo “Blues do país”. Antes do concerto de música reuniranse activistas e artistas nunha mesa redonda ao redor da escultura de madeira titulada “The voice of the fish”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego