‘É túa. Pásaa!’, a campaña coa que Alingua leva o galego aos concellos

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, desvela a campaña É túa. Pásaa! para apelar ao uso do galego no individual e no colectivo. O lema xa loce nas fachadas de edificios municipais dos dezanove concellos que forman parte da asociación.  Con esta premisa hoxe presentaron as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano.

Presentación da campaña

Na rolda de prensa participaron Sonia Outón e Tania García, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística e tenente de alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa; Leticia Santos Paz, alcaldesa do Concello de Moaña, que exerce a vicepresidencia de Alingua; Victoria Quiroga Ramallo, concelleira de Cultura do Concello de Rois; e Martiña Pérez, unha das protagonistas da webserie que formará parte da axenda de actividades. Asistiron ademais o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o de Ames, Blas García Piñeiro; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; concelleiros e concelleiras de Normalización Lingüística da Baña, Ames, Moaña, Narón, Pontevedra e Santiago; técnicas e técnicos dos servizos de normalización lingüística dos distintos concellos participantes e o xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Julio Vázquez Martínez.
Leticia Santos Paz comezou explicando os retos e funcionamento da asociación. “Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, pois ademais de permitir rendibilizar esforzos, axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua, facendo que acade un maior impacto e incidencia na sociedade. Unir esforzos, sempre suma”, relatou. “Alingua ten os brazos abertos para calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega”, incidiu.

En que consiste?

O lema elixido para a nova campaña é ‘É túa. Pásaa!’ “Este será o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”, comentou Victoria Quiroga Ramallo na rolda de prensa. Esa expresión xa se adiantou durante os últimos días amosándoo a través de grandes lonas penduradas das fachadas de edificios municipais dos dezanove concellos que forman parte de Alingua e en valos publicitarios, e  xa se desvelou o tema musical creado para transmitir esa mensaxe. Trátase dun tema realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que “convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala”.

Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.

Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.

Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.

Sobre Alingua

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa; e a Deputación de Pontevedra como membro amigo.

Moitas destas institucións locais xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, e en 2019 crearon Alingua coa vontade de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma entre diferentes concellos. Pode formar parte de Alingua calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega. As entidades locais que compartan este obxectivo e o desenvolvan a través de servizos de normalización lingüística poden ser socias.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego