O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores agochado nun tobo, a presidenta provincial Carmela Silva nun hospital, e as persoas representantes das alcaldías do Morrazo nun paredón de fusilamento semellante a onde asasinaron os titulares deses concellos no 36 … Esas imaxes configuran a exposición ‘E se fose hoxe?’ organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación e ficarán na rúa ata o 22 deste mes.
A mostra pretende lembrar as vítimas do franquismo e denunciar as consecuencias que tería reeditar o ideario dos seus asasinos. Nesta campaña colocáronse a persoas actuais, ben coñecidas, nas situacións vividas tras o golpe de estado de 1936 por quen as precedeu no cargo ou na profesión, para homenaxear así a xeración arrebatada e chamar a atención do que suporía unha nova oleada fascista.
A deputada María Ortega subliñou que “con ‘E se fose hoxe?’ quixemos facer unha campaña impactante, que non pasase desapercibida para ninguén. Unha campaña incómoda que nos faga pensar. Que nos impida manter unha postura equidistante”. Agradeceu a todas as persoas participantes e subliñou que con elas “quixemos traer ao presente as vítimas de entón para humanizalas, para que a sociedade entenda que non eran distintas a nós, que non tiveran outros soños nin emprenderan loitas diferentes ás que nós levamos a cabo ou polas que, simplemente, devecemos”.