Referentes do galego enchen o Gaiás na presentación do novo PXNL que propón a creación dun Consello Social da Lingua

Xa está a disposición pública o novo Plan Xeral de Normalización Lingüística que podes visionar aquí. Esta presentación tivo lugar esta mañá no Gaiás, Compostela, nun evento aberto polo artista 9Louro seguido da presentación da comunicadora Esther Estévez, destaca polo seu papel no Dígocho Eu, e un dos actores galegos máis emblemáticos e exitosos, Xosé A. Touriñán. 

Tamén participaron a cantante e presentadora Fátima Pego, a produtora Zaza Ceballos, a estudante dos cursos Galego sen Fronteiras, Cleona Vaughan Spruce, o poeta Simón Rodríguez, coñecido nas redes sociais como Galego de Caracas, e o empresario Peile Lin.

Novo PXNL no Parlamento

A proposta do novo Plan xa foi remitida ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, para que os grupos con representación política na Cámara poidan debater o seu contido.

Segundo avanzou o conselleiro de Lingua, José López Campos, o documento entregado hoxe ao Parlamento inclúe propostas que se centran na acollida e arraigo dunha cada vez maior poboación chegada do exterior, na mocidade e na ruptura da transmisión xeracional, así como outras a reforzar as iniciativas postas en marcha para impulsar a presenza do galego nas plataformas e aplicacións tecnolóxicas.

O texto contén tamén medidas no eido da xustiza, facendo fincapé na implantación en galego do novo sistema procesual Atenea.

Creación de novos órganos arredor da Lingua

Entre outras accións, durante o acto tamén se deu a coñecer a posibilidade de crear dous órganos. Trátase, por unha banda, tal e como apuntou o representante do Executivo autonómico, do Consello Social da Lingua Galega “como un espazo de participación sectorial creado pola Xunta para ter un foro plural e de participación cidadá que xere información, opinión e proxectos de impulso social do galego”, e por outra dun instituto que coordine a proxección exterior de Galicia e da súa lingua e cultura ao igual que teñen outras comunidades con lingua cooficial. A isto hai que sumarlle, dixo, “a intención de continuar tecendo lazos coa lusofonía, que nos abre ao mundo a través dunha comunidade de máis de 270 millóns de persoas de fala portuguesa”.

Participación de personalidades

No acto tamén asistían representantes de institucións de relevancia como se trata da presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra ou do propio presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Asistiron tamén alcaldes e alcaldesas de concellos do país xunto con artistas e persoas da comunicación como Roberto Vilar ou Fran Cañotas.

Podes consultar aquí as entrevistas realizadas por Nós Televisión arredor do ‘Pacto polo galego’.

Traballos de actualización do PXNL

A renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega estivo integrada por once grupos de traballo que tiverono obxectivo de actualizar o documento para adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días. Estes equipos sectoriais abarcaron eidos como os dereitos lingüísticos, as tecnoloxías, a oferta e dotación de recursos lingüísticos, a administración, o sistema escolar, a transmisión patrimonial do idioma, o lecer, a familia, os medios de comunicación, as industrias culturais, a economía, a sanidade, a sociedade, a proxección exterior do galego ou a lusofonía.

Todos eles estarán baixo a coordinación de Manuel González, quen xa se encargou deste labor durante a elaboración do plan anterior.

A Mesa pola Normalización Lingüística, crítica co proceso

A Mesa pola Normalización Lingüística ten amosado numerosas veces as súas discrepancias tanto co proceso de renovación do novo PXNL como das políticas lingüísticas que está levando a cabo a Xunta.

No día de hoxe, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, emitíu unha primeira reacción da entidade á modificación do Plan indicando que “a proposta da Xunta é inferior ao xa aprobado unanimemente no PXNLG de 2004” e incide en que “non garante a posibilidade de vivir en galego contando co apoio das institucións e o amparo da lei, primeiro obxectivo do plan aprobado en 2004”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego