Dous mil estudantes de Galiza e Portugal celebran o Día Mundial da Radio

Este 13 de febreiro, Día Mundial da Radio, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! organiza un intenso programa de actividades no que participan preto de 2.000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión Galiza e norte de Portugal. O edificio Miralles, da Universidade de Vigo, é un dos nodos centrais da celebración, e ata alí se desprazaron xa, ademais do propio alumnado universitario vigués, alumnas e alumnos de 15 escolas de ensino primario, catro centros de ensino secundario e, participando por primeira vez nesta iniciativa, o centro de educación especial Saladino Cortizo de Vigo. As emisións radiofónicas dende o edificio Miralles levan sonando desde as 10.00 horas e prolongarase ata media tarde.

Durante a xornada combinaranse as emisións en directo desde as radios dos centros educativos coa emisión en streaming a través do portal Escolas nas Ondas das emisións de Vigo, Compostela e demais radios, así como dos podcasts enviados polas escolas galegas e portuguesas elaborado polo alumnado especificamente para esta data sobre a temática proposta pola Unesco Radio e Paz.

Ponte nas Ondas!

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego