Documentarios e reportaxes de Nós Televisión para gozar deste 25 de xullo

Como vas festexar este 25 de xullo? Nós Televisión ofréceche unha oferta audiovisual para gozar dun dos días nos que o pobo galego é protagonista de seu. A través de reportaxes e documentarios, abordamos a nosa historia, a nosa identidade, a nosa cultura e a nosa lingua. A continuación, tendes unha listaxe dalgunhas das pezas que escollemos para vós aínda que podedes atopar moito máis na nosa canle de youtube e na emisión da nosa televisión no 119 de R.

1 – O mapa de Fontán, rostro e alma da vella Galicia

“Un país non se fai só con lingua e literatura senón con xeografía, historia e ciencia”. Domingo Fontán colocou rostro a Galicia. A súa carta xeométrica, realizada no ano 1834, foi algo máis que un mapa para os vellos galeguistas da Xeración Nós e para escritores como Cunqueiro ou Castelao. Coñecemos ben quen foi Domingo Fontán? Viaxamos ata o Concello de Portas, o seu lugar de orixe e onde aínda queda moito desta figura tan relevante para a nosa historia e cultura.

2 – O país dos nomes infinitos

O Souto da Vila, Folarón, Bouzaricas, Ventevexo, O Pilón… Galiza conta cunha riqueza toponímica única. Non hai cifras sobre cantos nomes de fontes, leiras ou rochas pode haber. Estímase que ao redor de dous millóns, Filgueira Valverde dicía que máis de tres. O certo é que con cada persoa que morre, van con ela historias e lugares que cómpre recuperar.

3 – Saúde e terra! – Un camiño por ‘Galicia, de Nós a nós’

A loita polo noso idioma e a nosa cultura vive en Nós. Cen anos despois do primeiro número da revista Nós, as palabras de toda unha xeración seguen a construír pontes na historia. Que sabemos do seu traballo? Das súas ideas? Das amizades que mantiveron e dos países que percorreron? Nin sequera a chegada dunha pandemia pode evitar que todo un pobo lembre.

4 – O risco de giz: 7 días na Raia

Os vínculos lingüísticos, históricos, sociais e culturais dos lugares e persoas que viven a un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal son evidentes. Comprobámolo percorrendo en coche e gravando durante sete días toda a zona. A través da viaxe coñecemos os nexos entre as dúas realidades. O resultado: Un documental en forma de road trip que vai parando en numerosas localidades, de oriente a occidente, para falar con diferentes persoas de cada unha delas e poñer en valor os costumes e a riqueza patrimonial e cultural propia desta área.

Un documental realizado por Xarda Cooperativa Galega para Nós Televisión co apoio da Deputación de Ourense, a Eurocidade Chaves-Verín, o Concello de Hermisende, o Concello de Entrimo, o Concello de Tomiño, o Concello de Tui e a Câmara Municipal de Montalegre.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego