Nun comunicado publicado nas súas redes sociais, Francisco Castro anuncia a presentación da súa dimisión como director de Galaxia este mesmo luns, 18 de setembro. No escrito lamenta que a empresa editorial non emitise un comunicado que dese resposta ás críticas realizadas polo escritor Alberto Ramos nunha entrevista publicada nos últimos días.
“Presentei a miña dimisión como Director Xeral da Editorial Galaxia onde entendín que non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu Presidente e Conselleiro Delegado, se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a Editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores. Coido que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas”, especifica Castro no escrito.