Alimentarse de forma sana e saudable é moitísimo máis importante do que parece. Seguir a dieta atlántica, as pautas tradicionais da alimentación galega e portuguesa, a base de produtos frescos, cereais intregrais, verduras, froitas, peixe, legumes, algunha carne e a auga dos nosos manantiais, evitando os procesados, a comida rápida e as graxas saturadas e doces contribúe, e moito, a reducir o risco de doenzas, e en concreto o risco cardiovascular.
Concienciarnos diso, volver ás raíces, e aplicalo na mesa do noso día a día pode salvarnos a vida, á vez que contribúe a un consumo tamén máis responsable, acorde coas nosas tradicións e coa produción propia. Facelo xa cos nenos e nenas para adoptar hábitos saudables desde a infancia é clave. Dar exemplo os maiores, tamén. Apostar pola dieta atlántica nas nosas casas, pero tamén nos comedores escolares, nos centros asistenciais, nas empresas e en todos os ámbitos é cuestión de responsabilidade.
Para afondar no tema, coñecer máis sobre os beneficios dunha nutrición baseada na dieta atlántica, saber en qué consiste exactamente esta pauta alimentaria e abordar os riscos cardio vasculares que están aumentando a paso acelerado debido á proliferación de comidas non axeitadas, o xornalista Luís Pardo vai manter dúas conversas ben interesantes con dous expertos na materia: Rosaura Leis Trabazo, Catedrática de Pediatría da USC , Coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario De Santiago, Investigadora Principal do Grupo “Nutrición Pediátrica” do IDIS e vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica; e José Ramón González Juanatey, tantos anos xefe do servizo de cardioloxía da área sanitaria de Santiago e Barbanza, director do grupo de investigación CardioCHUS e catedrático na USC.
Conversas producidas e realizadas por Nós Televisión, baixo o encargo do Proxecto New Heart e da Fundación Dieta Atlántica. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Rexional – FEDER a través do Programa Interreg VI-A-España- Portugal (POCTEP) 2021- 2027.
A información, difusión, concienciación e posta en práctica é a clave. Alimentación e saúde van da man.



