Rosalía de Castro é unha figura de referencia para a equipa de Nós Televisión. Por iso queremos celebrar o Día de Rosalía seleccionando algúns dos mellores contidos que elaboramos ao redor da autora máis importante das nosas letras.
En 2021 nacía o Vía Rosalía, un espazo actual e en movemento. No seu primeiro capítulo, titulado Rosalía feminista, conversaron a poeta Luz Fandiño e a música María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés. As dúas son artistas feministas. Úneas unha forte amizade, respecto e admiración mútua. Ambas senten unha fonda paixón pola obra e o pensamento de Rosalía de Castro. A banda sonora deste primeiro programa é d’O Rabelo, con toda a forza do seu rap regueifeiro. Viaxamos até a Casa Rosalía para asistir a unha conversa imprescindíbel.
Outros contidos ao redor de Rosalía
A Casa de Rosalía acolleu á equipa de Nós Televisión en dúas ocasións máis. Nunha delas, viaxamos até alí para coñecer a quen fora durante moitos anos a súa cara máis visíbel: Maruxa Villanueva. Sobre esta actriz, cantante, galega e emigrante conversamos con Aurora Marco, Ana Blanco e Anxo Angueira.
Algúns dos mellores audiovisuais en galego, en Nós Televisión
A oferta de novos contidos na nosa canle de YouTube aumenta. Ampliamos o noso catálogo con algúns dos mellores documentais ao redor da lingua, realizados na última década.
Decreto Filgueira, Pacto de irmãos e Entre Línguas, poden ser vistos agora na canle de Youtube de Nós Televisión. Deste xeito, medra a enorme oferta de contidos en galego e sobre o galego que fornece a única televisión privada na nosa lingua.
Subscríbete á nosa canle de Youtube para ser a primeira persoa en recibir as últimas novidades.