Desde o compromiso político á resistencia cultural: novas olladas á vida e ao legado de Fernández del Riego

Lourenzá, a vila onde naceu Francisco Fernández del Riego, protagonista do pasado 17 de maio, será ata este mércores punto de encontro do foro Francisco Fernández del Riego na cultura galega no s. XX, onde unha diversidade de especialistas achegan novas olladas á súa vida e ao seu legado, dende os anos mozos da República ata os derradeiros da súa case centenaria vida.

A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá coorganizan este encontro incluído na oferta de cursos de verán da USC e apoiado pola Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes centrou a conferencia inaugural no papel de don Paco na propia RAG, onde tamén foi un actor destacado da estratexia trazada polos galeguistas en pleno franquismo para devolverlle a súa esencia. “Na posguerra, Del Riego pilotou dende a retagarda o proceso de renovación da institución a prol da incorporación de persoeiros comprometidos coa lingua e co pensamento galeguista, esmorecido despois da contenda”, sostivo.

Por outra parte, a investigadora Malores Villanueva referiuse tamén á proposta do Día das Letras Galegas, a recuperación de Cunqueiro para a literatura galega ou o alento que ofreceu ás novas xeracións de autores para publicaren as súas primeiras obras como claro exemplos de que Del Riego foi, ademais dun gran traballador, un estratega do galeguismo cultural e político.

Xornadas do martes e mércores
No compromiso político, antes e despois da guerra, profundarase na xornada deste martes, con achegas do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, o académico Lourenzo Fernández Prieto, os tamén historiadores Justo Beramendi e Uxío Breogán Diéguez e o filólogo Pablo García Martínez. Xa pola tarde, o académico Xesús Alonso Montero porá o foco na relación de Del Riego con Luís Seoane e o diálogo que supuxo a súa amizade entre o exilio interior e o exterior. O programa do segundo día do curso rematará cun percorrido didáctico pola Lourenzá de don Paco a cargo dos estudosos locais da súa figura Manuel Román e Xosé López González.

O mércores a atención centrarase nas redes de resistencia cultural que Del Riego teceu e o seu reflexo e distintos epistolarios con amigos como Ramón Otero Pedrayo, Cunqueiro, Carballo Calero e Rodrigues Lapa, a paisaxe na súa obra, os seus textos memorialísticos, o seu labor á fronte da editorial Galaxia e a Fundación Penzol e mais a Xeración Galaxia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego