Á visita de autoras como a palestina Adanía Shibli ou o irlandés John Banville, súmanse as letras do país, nas que destacan figuras como o Leo de Matamá, Afra Torrado, Fernández Naval, Eva Veiga ou Rosa Aneiros. Esta unión entre o propio e o internacional fan medrar á SELIC na súa oitava edición que terá lugar entre o 7 e 16 de xuño en Compostela.
Durante dez días, a Quintana acollerá unha vintena de expositoras (librarías, editoras e institucións) e desenvolveranse máis de 60 actividades. Un dos destaques desta edición é a celebración do cuadraxésimo aniversario de Crime en Compostela, a novela de Carlos Reigosa, gañadora da primeira edición do Premio Xerais, que inaugurou o xénero policial na literatura galega.
O Festival da Lectura renderá homenaxe a este fito, fundamental para o noso sistema literario, a través do seu cartel, no que aparece a pistola Star DKL do 9 curto, arma empregada para cometer o Crime en Compostela. Ademais, terá lugar unha mesa de debate arredor da importancia da obra, á que asistirán Fran Alonso, Xaquín Núñez Xabarís e o propio autor, Carlos Reigosa, así como dous paseos polos escenarios da novela e polos espazos do xénero negro na cidade, guiados polo escritor e crítico literario Mario Regueira.
SELIC Criminal
Seguindo o camiño iniciado o pasado ano, a SELIC continúa coa súa vocación de reflexionar sobre o xénero negro coa súa sección Criminal. Segundo explicaba o seu coordinador, Xaquín Núñez Sabarís, nacía coa vontade de “cubrir o baleiro nos eventos galegos dedicados a este tipo de literatura, que ten sido moi cultivada no literario, no audiovisual, no cómic…”. Nesta segunda edición, co obxectivo de integrarse na rede de festivais negros, a SELIC Criminal acolle un encontro festivais negros, con Javier Rivero (Tenerife Noir), Javier Sánchez Zapatero (Congreso de novela y cine negro de Salamanca) e Miguel Barrero (Semana Negra de Xixón.
Esta será unha das actividades que colocarán o foco no criminal o último fin de semana do Festival da Lectura, do venres 13 ao domingo 15 de xuño. Ademais, varias mesas traerán a debate outras cuestións como os detectives de ficción, con Bieito Iglesias, Beto Luaces e Araceli Gonda; o cómic deste xénero, con Carlos Portela e Miguelanxo Prado; ou ata as tatuaxes criminais, da man de Servando Rocha.
A SELIC Criminal tamén nos achegará ás obras de Rosa Ribas, Sara Vila ou João Tordo; os dous últimos incluídos no Clube de Lectura Criminal que se desenvolve paralelamente na Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago e na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga, que terá no Festival da Lectura o seu punto de encontro. Os relatos negros de todo o mundo serán os encargados de fechar a SELIC con Crime en carpaccio, un espectáculo no que Simone Negrin.
Paseos
Ademais do paseo de Crime en Compostela, a SELIC ofrece 12 andainas para descubrir a cidade desde outra ollada. Repítense paseos que gozaron de grande éxito na anterior edición, que nos guían a través da Compostela máxica ou das gárgolas da cidade. Igualmente, este ano poderemos volver a internarnos no Doentes de Vidal Bolaño, percorrendo as rúas nas que transcorre a peza teatral nun paseo dramatizado que medra este ano, interpretado non só por Mónica Camaño e Silda García, senón sumando a Carlos Santiago e Clara Gallo.
Escenarios de Compostela
A presenza do teatro na cidade será a protagonista de Escenarios de Compostela, guiado por Paula Carballeira, mentres Arancha Nogueira nos levará polas pegadas moradas da cidade; e Xavier Lorenzo Tomé polas personaxes e espazos da súa Baralla de Compostela. “Outros formatos requirirán unha participación máis activa por parte do público”, explicaba Louzao, como é o caso de Enigmas de Compostela, un xogo de pistas por equipos para atopar o Códice Calixtino, ou Pasa a noite con Meiji, caderno de viaxe nocturno, un obradoiro-paseo de pintura en acuarela. Este último forma parte da “sesión golfa” da SELIC, que estenderá o horario habitual de actividades o venres 14 e os sábados 8 e 15 de xuño.
25 de abril
Coincidindo co aniversario da Revolución dos Cravos, a SELIC aproveita para explorar os vínculos que unen este evento histórico coa Galiza. Ao fío do libro 50 anos de abril na Galiza, contaremos con Manuel Durán Clemente, capitán da Revolución de Abril, que dialogará co profesor Roberto Samartim, un dos editores. Ademais, a escritora galega Teresa Moure e a ilustradora portuguesa Maria João Worm achegarannos á singular e íntima visión que en ‘Zeca Afonso. Balada do Desterro’ fan do cantor portugués.
Música, poesía e máis
A SELIC tampouco abandona a súa teima de traer a lectura ao directo con formatos diferentes, que con frecuencia hibridan distintas disciplinas artísticas. Esta edición do Festival virá cargada de música grazas á visita do Leo de Matamá co seu Libre de libro, de F. X. Fernández Naval e Eva Veiga co Fragor do urdido ou de Celso Sanmartín e Benxamín Otero con A cousa eterna. A Fundación Carlos Casares traerá nas súas Coordenadas outros dous recitais: un con Ghaveta e Rexina Vega; e outro coas cegas de Ouselle acompañando a Santi Romay, que interpretará textos de Xesús Fraga.
As crianzas na SELIC
A SELIC mantén a súa decidida aposta pola programación para a cativada. Nesta edición contará con diversos contacontos, algúns deles ata con ilustracións ou música en directo. Ademais, trae propostas de obradoiros que mesturan desde o ioga ata a poesía, pasando polas cartografías persoais.
Máis colaboracións
Ademais da colaboración coas Bibliotecas de Santiago e Braga e a Fundación Carlos Casares, a SELIC continúa sumando socios e socias. Desta volta, conta co apoio do Colexio Oficial Arquitectos de Galicia, os Premios Follas Novas do Libro Galego, a Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Festival Atlántica de Narración Oral, o Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho (CEHUM) e a Biblioteca José Saramago do Concello de Santiago. A estas cómpre sumar as colaboracións con centros de ensino, que acudirán á SELIC para ter algúns encontros con escritores.