Desde a xuíza Paz Filgueira ao proxecto ‘Mulleres de Lugo’: así foi a entrega dos Recoñecementos Meninas

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, chama a librar a batalla contra o machismo desde todos os ámbitos de actuación

Santiago de Compostela acolleu unha vez máis a entrega dos Recoñecementos Meninas que concede a Delegación do Goberno en Galicia con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Paz Filgueira, premiada polo seu labor como xuíza

A nivel autonómico, a Menina recae este ano na maxistrada Paz Filgueira, titular durante 10 anos do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo. O xurado tivo en conta tamén o intenso traballo que desenvolve a maxistrada na formación continua do persoal das Administracións Públicas e dos Corpos e Forzas do Estado en Galicia con respecto ao tratamento das vítimas de violencia machista.

A XUÍZA PAZ FILGUEIRA RECOLLE O PREMIO MENINAS – DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA

Mulleres de Lugo, proxecto educativo

Na provincia de Lugo, a Menina concédese ao proxecto ‘Mulleres de Lugo’, impulsado pola comunidade educativa dos IES ‘Anxel Fole’ e ‘Nosa Señora dos Ollos Grandes’ da cidade de Lugo. Ambos os centros promoveron un traballo de investigación que se traduciu nun calendario escolar para visibilizar, nos centros de ensino da contorna, o papel de mulleres lucenses en campos como o activismo, a ciencia, a literatura, as artes escénicas ou a política. Nesta provincia, a mención honorífica concédese á policía nacional Cristina Castro, destinada na Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Comisaría de Lugo.

ONG valoReSC, iniciativas a prol da igualdade

En Ourense, o recoñecemento Menina é para ONG valoReSC, que ten a súa sede principal na cidade de Ourense. De acordo co xurado, recoñécese o labor profesional das persoas que forman esta entidade fomentado iniciativas positivas en materia de igualdade, e polo seu traballo coas mulleres vítimas de violencia. Recibe a mención honorífica a garda civil Vanesa Domínguez, da Comandancia da Garda Civil de Ourense.

Silvia Pérez, socióloga e profesora na UVigo

En Pontevedra, recibe o recoñecemento Menina Silvia Pérez, doutora en Socioloxía e profesora na Universidade de Vigo. Acadou en 2018 o primeiro premio estatal de teses doutorais en materia de violencia de xénero, que lle concedeu o Ministerio de Igualdade. Nesta provincia, o xurado concede dúas mencións honoríficas. A primeira, para o Equipo VIOGEN da 1ª Compañía da Garda Civil de Tui. A mención distingue o traballo e o compromiso persoal dos seis homes e mulleres que forman esta unidade, que instrúe anualmente unha media de 300 atestados relacionados coa violencia de xénero. A segunda mención recae na Oficina de Atención ás Vítimas do delito nos xulgados de Vigo. Neste caso, foron as propias usuarias desta oficina as que promoveron esta candidatura, amosando o seu agradecemento polo trato, o apoio e a entrega das persoas que traballan nesta unidade.

Recoñecemento a traballadoras/es públicas/os na Coruña

Na provincia da Coruña, a Menina recoñece o traballo de José Ángel Vázquez, actual director do Centro Penitenciario de Teixeiro. Este funcionario coordina un grupo de profesionais que impulsan varias actividades no centro para promover a erradicación da violencia contra as mulleres en calquera das súas formas. Nesta provincia, ademais, o xurado concedeu tres mencións honoríficas: ao persoal da Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Ferrol-Narón pola súa entrega, en especial, aos casos relacionados coa liberdade sexual; e ao xefe da Policía Local de Muxía, José Manuel Blanco, pola súa implicación coa protección das vítimas de violencia de xénero deste Concello a través do Sistema Viogen. A terceira mención recae en Ana Belén Puñal, doutora en Ciencias da Comunicación e experta na comunicación desde a perspectiva de xénero. Esta mención foi promovida desde o Colexio de Xornalistas de Galicia, subliñando o papel das persoas profesionais da comunicación na promoción da igualdade de xénero.

O xurado, presidido polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, analizou as propostas da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno e das Unidades de Violencia sobre a Muller das catro subdelegacións do Goberno nas provincias galegas.

FOTO GRUPAL DOS MENINAS 2023 – DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA

Pedro Blanco: “Temos que librar esta batalla desde todos os ámbitos con educación, con lexislación e con cultura”

Durante a gala, conducida pola xornalista Aida Pena, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, chamou á poboación galega a berrar contra a violencia sobre as mulleres e contra quen edulcora os comportamentos machistas en todos os ámbitos da sociedade.

Na súa intervención, o delegado lamentou o “ano negro” da violencia machista, no que perderon a vida 52 mulleres a mans das súas parellas, dúas delas en Galicia. Tamén lembrou ás máis de 4.700 mulleres que hoxe en Galicia “malviven con algún tipo de protección” fronte aos seus agresores e que están ameazadas “24 horas ao día, 365 días ao ano”.

Pedro Blanco sinalou que os recoñecementos Meninas e o resto do programa creado este ano pola Delegación do Goberno polo 25N reflicte con claridade como o Goberno de España entende e loita contra a violencia machista. “Gústame dicir que esta longa batalla a libramos e temos que librala desde todos os ámbitos con educación, con lexislación e con cultura (…) desde a casa e a escola”.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego