Entre a documentación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) que conserva o Arquivo do Museo de Pontevedra atópanse varios cadernos e notas soltas con apuntamentos recollidos por Xosé Filgueira Valverde e Sebastián González García-Paz durante as xeiras de Deza, as saídas conxuntas pola comarca que fixeron os membros do Seminario entre 1928 e 1935. A transcrición destas anotacións está agora dispoñible para a cidadanía nunha sección na web do Museo.
Mapa interactivo
O espazo web conta cun mapa interactivo a través do cal é posible navegar polas 70 parroquias ás que se refiren as notas que se conservan no museo. Son 47 de Lalín, 9 de Vila de Cruces, 6 de Agolada, 5 de Rodeiro, 2 de Silleda e 1 de Dozón. Na páxina de detalle de cada parroquia, atópase unha pequena introdución sobre o paso dos membros do Seminario de Estudos Galegos, unha galería de imaxes con fotografías e debuxos realizados polos seminaristas, e un documento en PDF coa transcrición das notas de campo tomadas por Filgueira e González.
O contido do espazo web complétase cun buscador para acceder á base de datos das transcricións e unha páxina de artigos relacionados co Seminario de Estudos Galegos. Este repositorio, que irá medrando nos próximos meses, conta neste momento cun artigo de María Jesús Fortes Alén sobre o “misterio” da manipulación dunha das fotos máis coñecidas dos membros do Seminario; dous estudos que acompañan a edición facsimilar de ‘Romance de unha fatal ocasión’ e ‘Tibi Bastianus Imperator Peruensis’ editada polo Museo; e un artigo coa transcrición, a cargo de Eva Pena Rodríguez, das actas do SEG entre 1923 e 1926.
As notas que se publican neste espazo web sobre as xeiras do Deza son principalmente anotacións de arte das distintas igrexas, aínda que acompañan referencias de carácter etnográfico, lingüístico, arqueolóxico, histórico etc. Como explica María Jesús Fortes Alén, responsable do Arquivo do Museo, “estes materiais ían ser a base para a elaboración dun estudo artístico definitivo dos pazos e, sobre todo, das igrexas no proxecto global de Terra de Deza; pero, como é ben sabido, os resultados da investigación conxunta nunca chegaron a publicarse e, como moito, atópanse espallados polos arquivos persoais dos compoñentes do Seminario”.
As anotacións que agora se publican poden achegar información sobre pezas desaparecidas ou cambiadas de emprazamento e ditos ou tradicións xa fóra de uso. Fortes Alén cita como exemplos máis destacados “os casos do tímpano de Palmou ou os capiteis de Bermés, os costumes en vodas, enterros ou festas, os ditos e vocabulario e incluso as impresións sobre a paisaxe”.