‘Dentalk! Saúde bucodental en galego co doutor Simón Pardiñas’, novo programa en Nós Televisión

Un novo programa sobre saúde dental chega a Nós Televisión en colaboración coa Clínica Médico Dental Pardiñas. Dentalk será un espazo, que se estreará o mércores 14 de xullo na nosa canle no 119 de R TV, ás 21 horas, protagonizado polo doutor Simón Pardiñas. Neste programa de saúde dental respostarase a todas esas dúbidas que nos xorden a diario a moitas de nós relacionadas coa saúde da nosa boca, dentes e moas.

Dentalk en Nós Televisión!

A partir de agora, Nós Televisión contará cos seus consellos en vídeo en galego, mediante a emisión dun programa Dentalk cada quince días. O doutor intentará a través dos seus programas respostar tamén ás consultas que lle poida facer a audiencia a través dos comentarios que poderedes deixar ou ben nas nosas redes sociais ou ben na canle de youtube da propia Clínica Dental Pardiñas. Así que xa sabedes, a partir deste verán, engánchate a Nós Televisión para gozar tamén dunha boa saúde e bo mellor tratamento dental!

Queres saber máis do doutor Pardiñas?

O doutor Simón Pardiñas, que exerce como odontólogo na súa clínica na Coruña, foi o creador da canle dental de YouTube con máis visitas do mundo no 2020, superando os 100 millóns de visitas. Os seus vídeos atópanse en trece idiomas diferentes para chegar a todos os recunchos do planeta, como o español, inglés, portugués, francés, alemán, italiano, ruso, chinés, árabe, xaponés, hindi, hebrero e galego. Precisamente o galego é unha das apostas da súa clínica dental, promovendo as nosas raíces e a lingua da nosa terra. Estamos a falar ademais da única clínica dental que conta con páxina web en galego.

Ademais dos mencionados 100 millóns de visitas, a súa canle de youtube supera hoxe en día as 285.000 persoas subscritoras, acadando uns 150.000 espectadores de media que entran diariamente desde calquera lugar do mundo á súa canle. Estas cifras fixeron ao proxecto merecedor da insignia de prata de Youtube, un recoñecemento que lles permitiu ademais utilizar os estudos de gravación desta compañía na súa viaxe a Nova York.

A insignia de Youtube non foi o único premio que recibiu este proxecto audiovisual. A Clínica Dental Pardiñas tamén foi recoñecida coa medalla de ouro Digital Health Awards, un galardón que recoñece os mellores medios dixitais no campo da saúde. Igualmente, foi finalista de Youtubeir@s 2019, o galardón que busca dar apoio á creación e difusión de vídeos en galego.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego