O Revenidas cumpre a maioría de idade coa edición “máis ambiciosa” da súa historia segundo presentou o seu organizador Xoán Quintáns. O festival de Vilaxoán prolongarase durante cinco días, do 7 ao 11 de setembro, e acollerá máis de 40 artistas mantendo un claro compromiso coa música galega. Ademais dos grupos e artistas galegos, o Revenidas contará cunha nutrida presenza de banda do resto do Estado así como outras chegadas dende Portugal, Bosnia, Italia e Rusia.
A oferta musical estará encabezada polas Tanxugueiras, La Pegatina, Zoo, Ladilla Rusa, Ortiga, Grande Amore, Guadi Galego, Boikot ou os Lendakaris Muertos.
A programación do festival complétase cos “concertos a bordo”, con actuacións en pequeno formato de Antía Muíño, Guadi Galego, Xabier Díaz, Grande Amore, Boyanka Kostova e Cardalda e Dopico, desde un barco con capacidade para doce persoas.
Durante a súa presentación, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a “identidade propia” que adquiriu este festival, ao que definiu como o “máximo expoñente” da música galega e do que celebra que retorne este ano “en todo o seu esplendor”.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou que este tipo de festivais “axudan a seguir poñendo o destino Galicia de moda”, xa que eventos como o Revenidas “fannos distintos e únicos e fan que presumamos aínda máis da música galega”
CARTEL POR DÍAS
MÉRCORES 7: Boyanka Kostova e Amigxs (Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew, Mundo Prestigio), Sinner, Kris K D e La Yaya Dj.
XOVES 8: La Pegatina, Boikot, Gatibu, Suu, Copa Turbo, Ketekalles, Lamontagne & Picoamperio e La Duendeneta.
VENRES 9: SFDK, Lendakaris Muertos, Talco Moscow Death Brigade, SonDaRúa, Bratzantifa, Grande Amor e La Duendeneta
SÁBADO 10 (Hora de inicio: 12.00 h): Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría, Zoo, Dubioza Kolektiv, A Banda da Loba, Ladilla Rusa, Doen, Monoulious Dop, Plectro e La Duendeneta
DOMINGO 11: Sés, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa, Louband, Gala de Circo XX Anos de Peter Punk e Amigxs, Compañía Paraíso e Sardiñada Popular.
Podes acceder a máis información do festival premendo aquí.