Desde que o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores acadou a alcaldía de Pontevedra, hai 25 anos, Demetrio Gómez case sempre formou parte do seu Goberno. Desde as eleccións munipais do 2023, é o concelleiro responsable da área de dinamización social e cultural, despois da súa traxectora anterior á fronte de Obras e Mobilidade.
Licenciado en Filoloxía, coñece moi ben Pontevedra, e defende que un goberno funciona se todas as áreas traballan na mesma liña e co obxectivo de acadar unha cidade e un concello que sexa mellor para as persoas que o habitan.
Como novo encargado das políticas municipais que teñen que ver coas actividades culturais, e sociais de Pontevedra, as festas, a normalización lingüística, a memoria histórica, a educación e a mocidade, pon o foco en lograr que os veciños e veciñas teñan acceso á cultura de máis alta calidade deste país, e considera prioritario achegar a cultura galega á xente nova e que esta participe no deseño dos proxectos culturais. “Moitas veces, só a través do concello se ten acceso á cultura do país”, denuncia.
Con proxectos consolidados en Pontevedra que hoxe en día son referente non só a nivel galego senón tamén estatal, como pode ser o Salón do Libro ou Noites Abertas, iniciativas que levan un cuarto de século realizándose desde este Concello, Demetrio Gómez sinala que é básico seguir impulsando a participación social nos mesmos e continuar co constante diálogo co sector cultural galego, “cheo de profesionais cunha calidade, cun saber facer, que mete medo, porque son capaces de crear produtos de primero nivel mundial”.
A nivel lingüístico, afirma que Pontevedra ten un problema, “igual que o resto do país”. “As politicas lingüísticas da Xunta ou ben son un fracaso ou ben están dirixidas a conseguir o obxectivo de que o país se desgaleguice e non exista transmisión interxeracional”, denuncia. Así, explica que desde o Concello manteñen unha liña moi definida baseada en crear espazos nos que as persoas poidan desenvolver a súa vida en galego, pero considera que iso é só “unha pinguiña”. “Hai que adoptar unha política nacional na que se aposte porque o galego sexa a primeira lingua do país”.
Con respecto á relación entre o BNG e o resto de forzas políticas municipais, tendo en conta as dificultades para sacar adiante os orzamentos deste ano, Demetrio Gómez considera que o PP e o PSdeG están facendo “democracia negativa” e poñéndose de acordo para non deixar que saian adiante proxectos. “Hai que colaborar e sacar o concello adiante entre todos. Torpedear o labor de goberno non é bo. A oposición debería ser construtiva”, analiza.
Reflexionando sobre os resultados electorais do BNG nas galegas, afirma que Ana Pontón é “unha líder perfecta e sabe crear equipo para facer avanzar o país”. Di estar encantado de que no Bloque “esteamos traballando nunha liña que o pobo galego fai súa, facendo propostas coas que o pobo se sinte identificado. O nacionalismo é a mellor forma para mellorar a calidade de vida dos galegos. Hai futuro, hai esperanza e o país vai mellorar moito máis cando o BNG sexa a forza maioritaria”, conclúe.