A Festa da Ameixa celebrarase esta fin de semana no concello de Poio logo de que as analíticas desbotasen a presenza de toxina. O festexo, que vivirá a súa XXXII edición, recupera este ano o formato habitual: volverán á Praza da Granxa as degustación, a homenaxe ás mariscadoras xubiladas e se manterán as actuacións musicais. Neste caso, o protagonismo será para as orquestras América de Vigo (sábado 17) e Prayers de Ferrol (domingo 18). Antes, o venres, terá lugar o recoñecemento ás mariscadoras, así como a entrega de premios ás persoas gañadoras do IV Concurso de Fotografía Festa da Ameixa.
Dentro da programación tamén se inclúe outra cita de gran atractivo, especialmente para a rapazada, como é o Desembarco Pirata. Será durante a tarde do sábado 17, na praia de Campelo, e incluirá diferentes obradoiros pensados para nenos e nenas de todas as idades. Con respecto aos prezos das especialidades culinarias, o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez avanza que “volverán ser tarifas populares”.