Defender a Rosalía é defender hoxe o feminismo, os dereitos sociais e a lingua galega

Santiago de Compostela acolleu este luns pola mañá os actos institucionais organizados con motivo do Día de Rosalía. Foi unha xornada de homenaxe que serviu para reivindicar a plena vixencia do pensamento e do compromiso social da autora galega máis universal.

Os actos comezaron ás 11:00 horas coa tradicional ofrenda floral ante a estatua de Rosalía de Castro na praza de Vigo, preto de onde estaba a súa casa natal, no daquela concello de Conxo. Participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras personalidades.

Durante a súa intervención, o conselleiro definiu a Rosalía como “unha desas persoas que sempre debemos ter como referente da nosa cultura, da nosa identidade e da nosa historia, aproveitando efemérides como esta, mais tamén poñendo en valor o seu legado de maneira constante, xunto con outros dos nosos persoeiros ilustres”.

Pola súa parte, a deputada Sol Agra destacou que Rosalía de Castro continúa sendo unha referencia ética e política para Galiza, lembrando que foi «unha muller incómoda para o poder e avanzada ao seu tempo, que levantou a voz pola dignidade do pobo galego cando iso non era doado». A deputada sinalou que a escritora «defendeu os dereitos das mulleres, das persoas traballadoras e dunha lingua desprestixiada polas elites», subliñando que o seu pensamento mantén hoxe unha absoluta actualidade.

Na mesma liña, cuestionou as voces que apelan a «non politizar» a autora, apuntando a este respecto que «Rosalía é universal, pero defendela significa defender aquilo polo que ela loitou: o feminismo, a xustiza social, os dereitos das traballadoras e traballadores e a lingua nai deste país». A responsábel de Lingua incidiu en que o legado rosaliano «segue vivo na sociedade galega e nas persoas que continúan defendendo unha Galiza máis xusta, igualitaria e orgullosa da súa cultura».

A programación continuou ás 12:00 horas no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, onde tivo lugar unha nova ofrenda institucional, seguida de intervencións, actuacións musicais e lecturas de poemas. Neste acto participaron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto a representantes institucionais e culturais.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego