Debates, humor e música en ‘Mover os marcos’

Santiago de Compostela acollerá, do 1 ao 4 de outubro, o encontro “Mover os Marcos”, con conversas, música e espectáculos en directo, concertos falados, humor e cuestionamento social. A Deputación da Coruña presentou esta segunda edición na que a situación da lingua, o discurso ecoloxista, as identidades ou a vivenda serán algunhas das temáticas centrais destas xornadas de encontro xeracional. A oferta complementarase con propostas culturais que inclúen break dance, podcast en vivo, presentacións pechacucha e concertos de bandas galegas emerxentes. Así o anunciaron as deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua e dereitos civís, Soledad Agra; o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro e a vicerreitora de estudantes e cultura, Pilar Murias Fernández, nun acto no que tamén estiveron presentes algunhas representantes de Culturactiva e das participantes no programa.

Nacido en 2024 como un espazo para cuestionar o establecido e dar protagonismo ás voces emerxentes da Galiza, Mover os Marcos presentouse como unha experiencia pioneira de diálogo colectivo. Baixo o lema “Festival para unha vida mellor”, esta edición non busca só falar de temas illados, senón abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan á mocidade de hoxe: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos. Son preocupacións actuais que, porén, dialogan coas loitas doutras xeracións, lembrando que cada avance presente é froito das batallas pasadas.

“As administracións temos que estar sempre atentas ás voces da cidadanía e, moi especialmente, ás da mocidade, para que as nosas políticas sexan realmente útiles e transformadoras. Mover os Marcos é precisamente un exemplo de como a escoita activa e o diálogo se poden converter en ferramentas de cambio” apuntou a deputada de cultura. “Compostela, unha vez máis, convértese en epicentro cultural e social grazas á implicación das institucións e ao compromiso da súa xente. Estou convencida de que esta edición de Mover os Marcos será unha oportunidade para seguir derrubando barreiras e creando novos marcos de convivencia, creatividade e participación”.

Actividades e espazos

Do 1 ao 3 de outubro, o Auditorio de Xornalismo converterase nunha aula aberta onde a comunidade universitaria e o público xeral están convidados a participar en tres xornadas de conversas. O día 1 abrirase coa mesa Proxectos para vivir en galego, que contará con voces como Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García. O 2 de outubro será a quenda de Medio e ecoloxía: coidar do noso, cun diálogo impulsado por ADEGA e no que participarán creadoras de contido como blondiemuser e activistas como Rogelio Sánchez. O ciclo pecharase o 3 de outubro con Vivir na Galiza dos anos 20, unha sesión que abordará cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI (Daniela Ferrández), a vivenda (Plataforma Vivenda Xa) e a inmigración (Barry Elhadj Mamadou, de Guinea Conakry).

A Igrexa da Universidade, un dos espazos máis emblemáticos da USC e punto de encontro habitual da mocidade compostelá, acollerá os concertos falados desta edición. O 1 de outubro, ás 21:00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo.

O sábado 4 de outubro a actividade trasládase á Casa das Máquinas. Alí combinaranse diferentes propostas que van desde o break dance da Vella Escola ata as presentacións pechacucha de proxectos creativos comoa Revista Rebelico, Orgullo Galego, Horta Creativa ou O Tinglao de Carnota. A xornada incluirá tamén o podcast en directo Prendídisma, a enerxía do Colectivo do Flow e os concertos de Leria e Tiam GZ. Podes consultar o programa completo clicando AQUÍ.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego