‘Morena‘, de De Ninghures, é a Mellor Música do ano 2023 na Galiza nesta novena edición do certame aRi[t]mar. O tema, estreado en outubro de 2023, alén de ser un dos máis bailables da banda, é boa mostra das confluencias que se dan nesta agrupación. Neste caso, as de tradición galega e as de electronic dance music. Noutros traballos, esta agrupación formada por, entre outros, músicos bergantiñáns, composteláns e fonsagradinos, tamén presenta influencias doutras tradicións musicais ibéricas, así como de sons magrebís ou latinoamericanos.
Os Quatro e Meia, Mellor Música do Ano en Portugal
No caso do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do ano 2023 en Portugal é ‘Na Escola‘, da banda coimbrán Os Quatro e Meia. Agrupación formada por seis músicos que ten a súa orixe nunha xuntanza universitaria aló polo 2013. Practican unha música que poderiamos definir como pop-rock, con tendencia a cancións lentas e emotivas, alta presenza do piano e mais outros elementos como as seccións de corda.
Éxito de participación
Nesta novena edición, o certame aRi[t]mar volveu bater a súa propia marca de participación cun total de 9850 votos, cifra que supón máis dun 40% de incremento con respecto á edición anterior.
Podio musical da novena edición dos premios aRi[t]mar
As artistas que acadaron o resto de posicións de podio grazas aos votos do público foron, na Galiza, o dúo Caamaño&Ameixeiras co tema Ai de Min e Mondra co seu Ardén. En Portugal, o segundo e a terceira clasificado/a foron Miguel Araújo co tema Sagitário e Carolina Deslandes coa súa Saia da Carolina.
A gala aRi[t]mar: xuventude e renovación
Xuventude e un alto grao de aceptación por parte da xente nova. Son dúas realidades que comparten De Ninghures, Caamaño&Ameixeiras e Mondra, as tres inciativas que nesta novena edición de aRi[t]mar están situadas no cumio da Mellor Música do 2023 na Galiza. O sector sonoro galego continúa renovando o seu ecosistema, segue facendo gala dunha tradición musical cada vez máis grande e máis rica en matices, onde a conservación, a fusión e a innovación conviven do xeito máis harmónico e natural.