O noveno LGx15 trasládase á cidade do Lérez e terá lugar o sábado 28 de outubro de 2023, ás 19.00 h. continuando o formato de anos anteriores: charlas breves, nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma, música e humor.
Intervencións para o futuro da lingua
As persoas convidadas á novena edición do LGx15 son: Paco Veiga (mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que empregará o valor das palabras para facernos reflexionar sobre a situación sociolingüística actual), Carlos Airas (emprendedor nos sectores deportivo e cultural, quen nos relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma), Magdalena Sánchez (tradutora audiovisual e subtituladora, quen nos fará unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores), Kiko da Silva (historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de BD O Garaxe Hermético, quen nos explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua) e Fran da Lobeira (youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, quen nos fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube).
Conducirá o evento a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, quen tamén nos explicará as súas experiencias e consellos para o futuro da lingua, xunto a actuación musical de Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai.
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.