Darío Villanueva recibiu o Premio Otero Pedrayo no Pazo de San Marcos

O académico vilalbés Darío Villanueva Prieto recibiu no Pazo de San Marcos o Premio Otero Pedrayo 2023, convocado polas deputacións provinciais e a Xunta de Galiza para recoñecer o labor a prol da cultura galega de persoas e institucións.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou o acto, que as institucións provinciais celebran de forma rotatoria. “Un lucense de Vilalba que, como Ulises, busca, escribe e estuda outros universos pero sempre retorna a Vilalba en busca das orixes. Darío villanueva é académico, crítico literario, profesor universitario, escritor. Doutor de Teoría de Literatura e Literatura Comparada da USC. Foi decano da facultade de Filoloxía da USC e posteriormente reitor da USC. Ademais, tamén foi director da RAE, doutor honoris causa por 14 universidades de Europa, América e Asia e sobre todo, gustaríame destacar que é un estudoso de literatura, con varios libros dedicados ao estudo da obra de Emilia Pardo Bazán ou Rafael Dieste. En nome propio e desta Deputación, os nosos sinceros parabéns a Darío Villanueva pola súa traxectoria e por este galardón”, dixo a deputada Iria Castro.

A música de MJ Pérez marcou a sonoridade dun acto conducido pola actriz e directora de teatro Tareixa Campo e o no que tamén interviron o presidente da Deputación, José Tomé e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, e que contou coa presenza de representantes institucionais das deputacións e das entidades culturais que colaboran na organización do Premio.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego