Curtocircuíto tomará espazos e rúas de Santiago o vindeiro 1 de xullo

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, inaugurarase o vindeiro 1 de xullo coa estrea estatal de ‘Ariel‘, o último traballo de Lois Patiño.

Así comezará a vixésima segunda edición reformateada do evento, que cambia en canto a datas e tamén na súa formulación espacial, combinando entre o 1 e o 6 de xullo.

Ariel de Lois Patiño

A inauguración a cargo de Ariel en Santiago será a estrea en España do filme. Ariel vén respaldado por seleccións en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, FICCI en Cartagena de Indias ou BAFICI en Buenos Aires e se presenta como unha das películas galegas do ano.

Ariel, rodada nas illas Azores, mestura paisaxe, memoria e experimentalismo para acadar novas cotas narrativas coa entrada da ficción e o traballo actoral na obra do artista vigués, ó tempo que continúa a súa exploración do espazo e o tempo, elementos que caracterizan a súa filmografía.

Ariel é unha producción de Filmika Galaika distribuida por Atalante Distribución. A película estrearase en Santiago de Compostela o próximo 1 de xullo e a estrea estará acompañada pola presenza do equipo.

A creación galega en Planeta GZ

Planeta GZ é o territorio mutante dun cinema galego contemporáneo. Esta edición propón un percorrido íntimo e ao tempo expansivo, desde o eco mitolóxico e o susurro das plantas en Un dragón de cien cabezas ata a difusión do patrimonio natural de Alboroque, curta que terá a súa estrea nacional en Curtocircuíto. Tamén será a estrea en España de Santa Clara. Nascimento em três fases, título que habita os espazos do tempo e a arquitectura, mentres Nayán converte o ensaio documental nun catalizador da memoria.

Furada Negra e Abellón convidan a escoitar o que queda máis aló do audible e do visible, conectando coa memoria e o misterio do territorio e das relacións humanas.

A diversidade tamén se expresa na mirada comprometida e feminina de Delincuente e Feeling Away. Boca de Asno mergúllanos nunha surrealista epopea, mentres Non Sinto a Forma indaga na perda a través dos recordos. The Unbearing, pola súa banda, é unha distopía que propón unha visión perturbadora sobre os vínculos familiares e os mecanismos do coidado.

Cinema emerxente en Supernova

Este ano, selecciona 10 títulos de diferentes estilos e formatos. Desde a exploración de lendas e santuarios en O corpiño ou os corpos e o xénero en Pupa ata as relacións en Áncora. Pezas como Aquel ruído nocturno, O costume do traballo e Home que foxe exploran conflitos humanos e sociais con olladas persoais e directas. Tamén hai humor camp e trash con Delirium Sketchs, viaxes insólitas con Senda Estrela, reflexións sobre a sexualidade co que non se agache e sobre os espazos colectivos en Cristal.

Adrián Canoura, protagonista da sección Terra

Unha viaxe polo universo de Adrián Canoura, cineasta e artista que leva máis dunha década explorando as posibilidades do cinema como ferramenta máxica, política e sensorial; unha inmersión visceral nas raíces galegas e a vangarda visual. Adrían Canoura: Para que queres un barco se non sabes nadar é unha sesión que fará un percorrido que abarca desde os seus primeiros experimentos audiovisuais con Nistra ata as primeiras imaxes do seu esperado debut en longametraxe, Fomos Ficando Sós, e onde Canoura debuxa unha xeografía emocional e estética propia, feita de rituais, corpos, territorio e tempo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego