‘+Cuñados’, a secuela da comedia galega que revolucionou as salas, chegará aos cines o 19 de abril

O vindeiro 19 abril estréase en cinemas +Cuñados, a secuela da exitosa comedia Cuñados, producida por Portocabo e distribuída por Baños Films. Cun elenco e equipo técnico galego e rodada integramente en Galicia, a película contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do noso panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños ou Mela Casal. 

Nesta nova entrega a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. Os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como telón de fondo.

Ourense, protagonista do filme

A provincia de Ourense será o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén terá unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na trama. Como novidade desta segunda entrega, a cidade de Ourense e as súas localizacións terán un maior peso na película. En +Cuñados os espectadores poderán percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido ourensán.

Unha comedia galega de éxito

Cuñados logrou a maior estrea na historia do cinema rodado en galego ata o momento, con máis de 120 salas no seu primeiro fin de semana. Conseguiu que miles de espectadores volvesen ao cine en tempos de pandemia e situouse como unha das mellores estreas españolas do 2021. Tras a súa viaxe por salas de cine, a película foi vendida a outros territorios internacionais como Grecia, Suíza ou toda Latinoamérica. Tamén percorreu ducias de localidades de Galicia, Portugal e outras partes de España, baixo os diferentes ciclos de verán que se realizaron.

Seguindo a estela de Cuñados, esta secuela propón de novo unha longametraxe que fale da cultura e idiosincrasia galega e da súa peculiar maneira de facer rir. Cun elenco e equipo técnico galego e rodada integramente en Galicia, +Cuñados continúa coa aposta por facer comedias familiares en galego.

+Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e da D.O Ribeiro e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Baños Films encargarase da distribución en España.

+Cuñados: Sipnose

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do sucedido uns días antes… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo (literalmente). Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugues detido) buscando vinganza, complicaralles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.

+Cuñados: O equipo técnico

O guión de +Cuñados é obra de Araceli Gonda (‘Hierro’, ‘Salta!’, ‘Me he hecho viral’). Na produción executiva está Alfonso Blanco ‘Fosco’, director xeral de Portocabo. Na dirección Luis Avilés (‘A Subela’, ‘Unary’,), quen se estrea no xénero da comedia. Á fronte do equipo técnico están outros destacados profesionais do sector audiovisual como Sergio Franco (‘Honeymoon’,’Vivir Sin Permiso T2′) na dirección de fotografía, Lu Rodríguez (‘El desorden que dejas’, ‘Honor’) na montaxe, Santi Jul e Iván Laxe (’18 comidas’, ‘Argonautas y la Moneda de Oro’) na música orixinal, Andrea Pozo (‘Auga Seca’, ‘Cuñados’) na dirección artística ou Ana Míguez (‘Rapa’, ‘Hierro’) e Javier López (‘Cuñados’, ‘Amigos hasta la muerte’) na dirección de produción.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego