Culturgal celebra os seus 15 anos con Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore

Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore encherán a noite grande do festival Culturgal. A electrónica, o pop e a tradición uniránse o sábado 26 de novembro no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar a diversidade da música galega e o propio Culturgal que se celebrará en Pontevedra do 24 ao 27 de novembro.  As entradas para #CulturgalSon15 sairán á venda o vindeiro 27 de outubro en cultur.gal a un prezo de 8 euros que inclúe, ademais do concerto, o acceso á Feira.

#CulturgalSon15

#CulturgalSon15 é unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) para esta edición especial da Culturgal, que recolle boa parte do novo talento musical do país. Co seu proxecto en solitario Antía Muíño está a converterse nun fenómeno; o seu tema “Carta aberta” ten mais de 900.000 reproducións contabilizadas en Spotify. Compostelá residente en Donosti, fíxose co Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente. Tamén a banda Néboa triunfou este ano nos Martín Códax co galardón na categoría Pop e Indie coa súa proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional.

O proxecto Berto chegará a Culturgal tras presentar o tema “Bágoas de cocodrilo”, un avance do que será o seu novo disco. O peche do concerto #CulturgalSon15 virá da man de Grande Amore, un proxecto tan exitoso como sorprendente, cargado de personalidade e galardoado nos Martín Códax deste ano na categoría de Electrónica.

Todo o programa da 15ª Culturgal

Culturgal irá desvelando toda a súa programación durante as próximas semanas tras o peche o 16 de outubro da convocatoria de participación dirixida a empresas, entidades e profesionais da cultura. O décimo quinto aniversario da Culturgal tamén terá un oco propio dentro da programación. Está prevista unha exposición con materiais gráficos e audiovisuais que percorran a andaina do proxecto desde os seus inicios así como un acto conmemorativo que terá lugar o domingo 27 de novembro.

A organización da Culturgal corre a cargo da asociación do mesmo nome integrada por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira está patrocinada pola AGADIC-Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego