O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira culminou este domingo unha edición histórica, marcada pola celebración do 50 aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira, protagonista absoluta dun evento que ela mesma axudou a iniciar en 1978, tres anos despois de fundarse, e que hoxe é un referente mundial da música folk.
Nesta edción, na que participaron grupos tan míticos como Gwendal, La Bottine Souriante, Milladoiro ou Flook, e outros de referencia dentro e fóra das nosas fronteiras como a Kevrenn Brest Sant Mark ou David Pasquet, a protagonista absoluta foi a Escola de Gaitas da vila e os seus directores e integrantes, do pasado e do presente. A Escola de Gaitas de Ortigueira foi homenaxeada como símbolo vivo da cultura galega, cunha actuación moi especial no escenario Estrella Galicia na noite do venres, que serviu de antesala para o multitudinario Desfile das Nacións Celtas.

O festival ofreceu nos cinco días de celebración a todos os visitantes -tanto aos que viñeron só polo día, comos aos que residiron na vila ou aos que se achegaron a Morouzos- gozar dunha experiencia única en Ortigueira, un lugar onde cultura, comunidade e música se mesturan baixo a maxia das oito nacións celtas.
(No vídeo de arriba, anaco da actuación de Tiruleque no Festival de Ortigueira deste 2025)



