Cruz Martínez, autora destacada pola AELG neste mes de outubro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomea como autora destacada do mes de outubro á escritora Cruz Martínez. Nada na parroquia da Armenteira, no concello de Meis, é membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural “O Castro”, de Vigo, e do Consello Editorial de Círculo Edições, proxecto que busca o intercambio cultural entre mundo galego e a lusofonía.

Autora de tres libros de poesía, Espelho de mim mesma (Círculo Edições, 2014), Xerografia em branco e negro (Corpos Editora, 2014) e Stand by, num estado de emergência (Poesia Fã Clube, 2015), en marzo de 2021 publica a súa primeira obra narrativa, Formigas vermelhas soterram-se no açucareiro (Chiado Editora).

Cruz Martínez gañou dúas veces o Certame Rosalía de Castro de poesía en Cornellá de Llobregat. O número XXII no ano 2008 co poemario Amante tocada pola antropofaxia, e o XXVI en 2012 coa obra Contemplo o proceso inevitável da despedida. En Guipuzkoa fíxose co primeiro premio do II Certame de poesía Manuel María, convocado en 2014 pola Casa Galega, co conxunto de poemas O lánguido ocaso dunha dalia. Tamén acadou o primeiro lugar no VIII Concurso de microrrelatos OZOCOgz con Ela sonha com as ramas do baobab, en 2020 no Carballiño.

En setembro de 2019 conseguiu o Accésit no Certame de poesía: 20 Anos Casa Museo Diego de Giráldez co poema Uma mulher. Obtivo tamén unha Mención de Honra no “Concurso Internacional de cuento breve y poesía, homenaje a Manuel Curros Enríquez” celebrado en Buenos Aires (Arxentina) no ano 2008 coa obra Tallo de pedra pendurado na memoria.

Cruz Martínez conseguiu ademais distintos segundos prémios: no I Certame Terras de Chamoso por Bosquexo dunha perna que pretende tirar para diante (2008, Lugo) no XXIII Certame Feliciano Rolán con Se cadra, son pequena de máis (2009, A Guarda), no III Certame de Poesía “Mulleres do noso tempo” con A palabra xurdiu da dislalia (2010, Cee), no VIII Certame Literario Concello de Ames en 2011 por Atraídos por un choque de feromonas, no I Certame Literario de poesía e relato curto Xosé Neira Vilas por A coleccionista de cicatrices (2012, Compostela) e no V Concurso de micro-relatos OZOCOgz con Um topo, um evadido) en 2017.

Cruz Martínez tamén é colaboradora habitual de varios medios galegos e revistas como Praza Pública, Nós diario e Terra e Tempo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego