Esta é a historia do galeguismo, da cultura galega contemporánea e mesmo da nosa política. Un traballo impulsado por Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro, entre outros moitos galeguistas do momento. O nacemento e desenvolvemento da Editorial Galaxia, en 1950, deixou unha fonda pegada na nosa historia.
Nesa época, vivíase a represión da ditadura franquista especialmente belixerante con todas as linguas e culturas que non foran a considerada ‘española’. Así, varios persoeiros do galeguismo, asociados ao Partido Galeguista, crean a Editorial Galaxia creando unha sociedade anónima que lles permitía reunirse e sortear esa represión.
A partir de aquí, comezamos unha viaxe a través de case sete décadas nas que albiscamos as súas estratexias e como tiveron que adaptalas aos tempos que ían chegando.
A través de dezaseis entrevistas a persoas de diferentes xeracións e perfís, avanzamos ao longo de case sete décadas nun documental de 50 minutos conformado por ficcións e animacións que sosteñen o espírito divulgativo.
Este filme, producido por Nós Televisión en colaboración con Editorial Galaxia, podes atopalo en todas as demais plataformas de Nós Televisión, como no dial 9 de R onde se emitirá este sábado 28 ás 21 horas, en Movistar Plus no servizo de vídeo baixo demanda, e nas redes da propia Editorial Galaxia.