Creadoras de contidos galegas lanzan un vídeo conxunto para chamar á mobilización do 17 de maio

Quince creadores e creadoras de contidos do país, que xuntan máis de dous millóns de seguidoras/es nas súas redes sociais, publicaron un vídeo conxunto animando a cidadanía galega a participar na mobilización organizada pola plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte preto de 600 entidades, esta sexta feira (venres), día 17 de maio, ás 12h, nas rúas de Compostela, baixo o lema “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva“.

Blondimuser di, no vídeo que se difundiu nas redes esta mesma mañá, que “queremos vivir en galego con normalidade” e Gabi García afirma que no 2024 “será hora de que poidamos facelo”. Paula Jorge recorda que xusto este ano se fan 20 anos da aprobación do plan xeral da lingua galega, que recollía máis de 400 accións e medidas concretas das que non se desenvolveu nin unha soa, como di Prado Rúa. Leti da Taberna fala dos retrocesos e Cessarrg persoalízaos no “proceso desgaleguizador” vivido pola xente nova.

Laura Franco afirma que “estamos no mellor momento da creación en galego” e Rodri Míguez engade que “vivimos o mellor momento musical e de creación de contido da historia”, ante o que Patri B. Dopazo pide que “iso se extenda a todos os ámbitos”. Alexia Mariño concrétao pedindo “un galego vivo na administración, nos servizos públicos e na xustiza” e Recuncho Médico, “un galego vivo na sanidade e nas relación comerciais”.

Neste sentido, Olaxonmario di estar “farto” de que non o atendan en galego. Finalmente, Helena Cousas rarísmas recorda “a pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares”, que “de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos”, segundo denuncia Todomalva.

Pechan o vídeo Sara Seco Rial e Yeison, recordando que “sobran os motivos para manifestarnos o 17 de maio ás 12 de mañá na alameda de Compostela”. Segundo recolle o manifesto que acompañará a manifestación o próximo 17 de maio, “é hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo, Galiza viva”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego