Alfonso Barreiro (FON) ven de gañar o III Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético coa obra Cósmico o bombeiro galáctico. Será na primavera deste ano cando esta historia sexa publicada por Edicións Xerais de Galicia. Formaron o xurado Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohel), Fernando Llor e Kiko da Silva por parte do Garaxe Hermético e Anaír Rodríguez e Fran Alonso en representación de Xerais.
Á hora de conceder este premio o xurado salientou que se trata dunha “aventura que fala, de forma máis divertida que didactica, do coidado do monte e a natureza”. O protagonista é un bombeiro do que se destaca o seu parentesco “con algúns personaxes míticos do anime e o manga”.
“Cósmico o bombeiro galáctico é unha historia de aventuras con estilo cartoon infantil moi recoñecible desde outras obras de Fon, con influenzas que van desde Jan ata Toriyama”, conclúe o xurado.
Aniversario do Garaxe Hermético
En abril de 2012, Kiko da Silva fundába en Pontevedra O Garaxe Hermético. Co obxectivo de amosar todo o conseguido durante estes dez anos de aulas do Curso Profesional de Banda Deseñada, ao longo de todo o ano 2022 celebraranse exposicións e diversos encontros de profesionais.
Alfonso Barreiro (FON) pertence á Primeira promoción de alumnos formados no Garaxe Hermético. Gañou o Premio de Fin de Curso no 2015 con Curuxa, a voz de Azazel publicado por Retranca, Troglo e Dita en Galaxia e Gazafellos en Aira. É director das Xornadas de Banda Deseñada do Liceo de Noia, V de Viñetas que creou hai tres anos e actualmente imparte clases.