Correlingua volve aos centros educativos das catro provincias galegas

Correlingua volverá ser este ano o emblema de dinamización lingüística entre a rapazada. Máis de vinte festas entre este próximo maio e o vindeiro outono promoverán o uso da lingua en distintos centros educativos galegos levando ata eles concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades arredor da lingua.

Logo de dous anos de pandemia, a volta do Correlingua aínda non traerá as tradicionais carreiras senón que seguirá na liña dos anos anteriores coas festas e as actividades nos centros. Deste xeito, as actividades principais serán os concertos que compartirán espazo con obradoiros, regueifas e outras actividades nos colexios, pero que tamén se celebrarán en teatros, auditorios e en algúns espazos ao aire libre.

O cartel das distintas festas estará encabezado polo grupo gañador do concurso Cantalingua celebrado semanas atrás e do que resultou gañador o grupo Mekánik Rolling Band. Tamén participarán nos concertos das festas os dous finalistas desta mesma convocatoria, Paco Nogueiras e Pauliña.

Podes acceder aquí ao manifesto deste ano ‘Fálame!’. Para levar a cabo este traballo, a Asociación Cultural Correlingua conta coa axuda da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como coa colaboración das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo, entre outros.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego